Opinión

Vigo chora, o Celta berra

O fútbol é insignificante cando diante de ti tes a dor e a desesperación dun pobo. Non conta, é irrelevante. É vergoñento pensar en calquera partido cando a xente está a sufrir por unha terra que morre, pero bendita nimiedade a do fútbol! Na súa irrelevancia é quen de facer esquecer por uns minutos as preocupacións, a dor, as frustracións e as bágoas para tornalas en risos e esperanza.

O Las Palmas-Celta foi moi probablemente o menos importante do que tiñan que preocuparse esta segunda feira os vigueses, pero, unha vez máis, o fútbol amosou até onde pode chegar a súa capacidade mediática e social. A súa forza fixo que o encontro deixase de ser un simple partido de fútbol para converterse nun acto de reivindicación popular. Desde o minuto un o equipo tivo claro que non xogaba só polos 3 puntos, xogaba pola honra dunha cidade e contra as moitas inxustizas que nas últimas horas sufriu o noso país. O Celta máis comprometido dos últimos tempos saltou ao terreo de xogo cunha idea clara: "hoxe gañamos por eles". E así foi, cada gol foi un berro de ánimo e de rabia.

O Celta máis comprometido dos últimos tempos saltou ao terreo de xogo cunha idea clara: "hoxe gañamos por eles"

 

O Celta volveu amosar fóra da casa a súa mellor versión goleadora. O xogo non foi o mellor na primeira metade pero o equipo foi efectivo abondo para chegar ao descanso con 2 goles arriba e cun gran Rubén. O terceiro gol no comezo da segunda metade foi chave para e, paradoxalmente, xogando con 10 homes o equipo amosou a mellor versión futbolística do partido. Cando Las Palmas debería de ter asumido a iniciativa logo da expulsión de Rubén Blanco, foi o Celta o que colleu o balón e o control do partido. Dominando o encontro, foron quen de marcar dous goles máis en inferioridade de condicións superando facilmente á fraxil defensa dos locais. Pero como en casa Celta as cousas nunca poden ser perfectas, a relaxación, de novo nos minutos finais, evitou marchar de As Palmas coa portería a cero. Ao final eses dous goles en contra foron unha anécdota, pero amosan que ao Celta é fácil facerlle goles se a concentración non é total.

Outra das boas novas do encontro foi a dupla Aspas-Mor. O recén chegado xogou o seu primeiro partido de titular e non o puido facer mellor, marcando e amosando un gran entendemento con Aspas e Pione. O de Moaña marcou o seu primeiro hat-trick co Celta e veuse moito máis móbil e cómodo no terreo de xogo na punta que xogando na banda. Bendita preocupación a de Unzué!

Pero como digo, ao final, alén dos 3 puntos, o máis importante foi o compromiso que os xogadores amosaron cos seus veciños. O berro unánime de #NuncaMáis que o Celta levou até cada recuncho do país.

Comentarios