Opinión

Vallecas: un partido para esquecer e unha lección para aprender

Pois si, o Celta fixo unha primeira metade para esquecer en Vallecas, practicamente irrecoñecible

Pois si, o Celta fixo unha primeira metade para esquecer en Vallecas, practicamente irrecoñecible. O equipo baseou o seu xogo nos balóns longos e apenas conseguiu enlazar algunha xogada pausadamente e combinando. Non sei se foron as présas ou a ansiedade pero o Celta botou de menos ao Celta, á súa esencia. O Rayo non fixo moito máis pero atoparon un gol que lles deu a tranquilidade que precisaban. Na segunda metade apareceu un equipo recoñecible. Foi un partido moito máis aberto no que o Celta tivo claras opcións de gol pero que finalmente non se materializaron. Fin do partido. O punto tería sido o xusto, pero no fútbol, como na vida, a xustiza vai por barrios.

Se algo ten de marabilloso o fútbol, sempre o digo, é esa capacidade amplificadora. A capacidade de ser altofalante das inxustizas 

E en Vallecas de xustiza saben moito estes días. Máis da real ca da futbolística. E esa xustiza ten nome de muller. Chámase Carmen e ten 85 anos. Acaban de botala da súa casa. O máis importante onte en Vallecas non era o partido, era Carmen. O xesto dos xogadores e de Paco Jemez con esta veciña do barrio é de loubar. Non só polo feito en si que significa pagarlle a Carmen o alquiler da súa vivenda, que seguro que están moi capacitados economicamente para facelo, senon pola mensaxe que nos están a enviar. Vallecas é un barrio obreiro, humilde, de xente traballadora. E eles foron os primeiros en ser conscientes da responsabilidade moral que un cidadan ten con outro cando está na súa man poder axudar. E foron conscientes rapidamente, sen titubeos. Se algo ten de marabilloso o fútbol, sempre o digo, é esa capacidade amplificadora. A capacidade de ser altofalante das inxustizas e das causas necesitadas. A capacidade de denuncia. Só por iso, merece a pena o fútbol.

"El Rayismo contra los desahucios", "Desahucios de un Estado enfermo, solidaridad de un barrio obrero" ou "#CarmenSeQueda" son algunhas das pancartas que se viron no estadio de Vallecas e que amosan que a grandeza de un club midese polo xente que fai parte del, non polos millons que gastan en xogadores.

Ao final, o fútbol en Vallecas foi o de menos.

Comentarios