Opinión

Un punto vital

O Celta volta de Barcelona reforzado, no anímico e no futbolístico. Visto o control do equipo despois do gol un só punto pode saber a pouco pero un empate é un gran resultado para as aspiracións do equipo. Non se engurrou o Celta no partido, pelexou ben e traballaou arreo e con intelixencia para marchar de Cornellá con ganancia no peto.

A situación é complexa pero agora xa non é desesperante polo que calquera beneficio obtido fóra de Balaídos é un estímulo positivo para o que resta de tempada. Amosou o equipo unha das súas versións máis serias fóra da casa, concentrado e equilibrado no xogo, foi quen de meter ao Espanyol en problemas e deixalo fóra de xogo durante moitos minutos no encontro.

Está a ensinar o Celta nestes últimos encontros a madurez e concentración que lle faltou durante moitas fases da tempada. O efecto Aspas, os bos resultados, Escribá... as razóns poden ser moitas pero o seguro é que o equipo responde concentrado e preciso nos momentos chave da tempada. O liderado de Aspas volveu ser fundamental en Barcelona. O gol é unha grande xogada entre él e Maxi, probablemente o xogador que máis o botou de menos. Aspas é a gasolina do uruguaio que sempre atopa no de Moaña a un colaborador necesario para fabricar perigo na área rival. O equipo traballa ben en liñas xerais, segue a ter algún desaxuste defensivo propio pero son os menos. Okay e Lobotka están xa asentados como a parella no medio do campo é iso estalle a dar ao equipo un equilibro fundamental para non perder o control dos partidos cando as cousas se poñen feas. Pero, unha das mellores noticas é ver aos catros centrais concentrados, tanto Cabral como Araujo nos pasados encontros, como Hoedt e Costas contra o Espanyol están a amosar un bo nivel, moi superior a meses pasados. Pode ser todo circunstancial porque o fútbol é impredecible pero a moderación que lle transmite Escribá ao equipo semella fundamental en situacións nas que o nerviosismo podería ter un efecto fatal. Contra o Espanyol o equipo nunca se descolgou do partido, amosou tranquilidade cando as cousas non ían ben e soubo crecer no encontro sen arriscar un bo empate.

Esa sensación de sentirse superior ao rival na súa casa é extremadamente positiva nestes momentos de incerteza de cara á visita a Leganes. O Celta visitará Butarque o sábado coa moral nun gran momento e sen a presión de verse no descenso. Agora ben, será un encontro difícil no que o apoio da afección será fundamental. O Celtismo prepara xa unha nova movilización a Madrid convencido de que ante un equipo que xa non se xoga nada na liga e co pulo positivo dos últimos resultados traer os tres puntos para Vigo sería básico para a loita pola permanencia. Unha semana de sete puntos sobre nove sería definitiva para estar un ano máis en Primeira.

Comentarios