Opinión

Un Celta a remolque

A semana pasada falaba de que o Celta mereceu máis no partido contra o Atlético de Madrid porque ademais de ocasións, o equipo puxo intensidade, pundonor e agresividade no terreo de xogo. En sete días o equipo volveu sufrir unha nova transformación, abrindo de novo a caixa das dúbidas e das indeterminacións, que rematou cunha dura derrota cando o equipo xogaba para gañar.

O Celta xogou en Malaga unha primeira metade para esquecer, mala, pobre, sen ambición e sen ideas. O equipo non estivo intenso, controlou o balón pero non soubo que facer con el, nunca foi quen de chegar á portería rival con perigo. E cando tes en fronte un equipo tan necesitado e na situación extrema na que se atopaba o Malaga cun só punto sumado, a proposta do Celta era demasiado arriscada. Ao final as necesidades de cada un apareceron no terreo de xogo e, a pesar de que os locais non crearon grande perigo, tentárono máis e o gol, pola forza de empurrar, chegou. E chegou no peor momento, xusto antes do descanso. O problema do Celta na primeira metade non foi conceder un gol, o problema real foi non ter pegada, non pisar a área con perigo e non amosar nos primeiros 45 minutos ningunha luz para a esperanza.

O problema do Celta na primeira metade non foi conceder un gol, o problema real foi non ter pegada, non pisar a área con perigo

 

Unha vez máis, ao equipo tocáballe bogar contracorrente, pero o gol fixo máis ben que mal. O Celta cambiou o 'chip' no descanso e desde o primeiro minuto da segunda metade viuse outro equipo no terreo de xogo, a versión recoñecible. Liderados por Aspas e Sisto, o Celta revolucionouse no partido, empurrou sen complexos e buscou o gol constantemente. Toda a falta de determinación e intensidade que lle faltou na primeira metade apareceu nas botas dos xogadores chave do equipo e entre os dous fabricaron o gol do empate. Merecido gol. Pero o Celta quería máis. Quería aproveitar o baixón físico do Malaga, que na segunda parte sufriu para manter o balón e trenzar xogadas claras de ataque. E sen tempo para desfrutar debidamente do gol, un novo erro da defensa celeste cortou calquera posibilidade de remontada. A man cristalina de Cabral foi o fin a un encontro para esquecer. O Celta non baixou os brazos e loitou até o último balón para conseguir o empate, pero había xa demasiada necesidade nas gradas da Rosaleda como para deixar escapar a primeira vitoria da tempada.

A derrota é dolorosa pero, non nos enganemos, o equipo pódeo facer mellor e así o vai facer no futuro. Non teño dúbidas. O Celta da segunda metade é o Celta real, o loitador, o intenso, o que non dá partidos por perdidos até o árbitro non asubiar o final. Ese é o camiño, non queda outra que empurrar. Se o equipo non pode só, a afección debe ser ese xogador necesario e fundamental para chegar onde as ideas e os folgos non chegan.  

Comentarios