Opinión

Temporal de pingas doces en Vigo

Chove en Vigo e chove forte. A semana climática e futbolística comezou coa mesma previsión funesta. A derrota en Eibar precipitou a -esperada- saída de Cardoso do equipo. O Celta amosou demasiadas carencias ante un Eibar que o superou en intensidade e en case todo. O Celta foi encaixando os golpes como puido pero a derrota foi inevitable e merecida. A partir de aí o previsible sucedeu.

Chegou a vigo un temporal de auga e vento e por terceira vez na tempada Mouriño chamou a un novo técnico para liderar a un equipo necesitado de motivos para a loita. En dous 'tweets' consecutivos o Celta anunciou a saída de Cardoso e a chegada de Fran Escribá e en menos de 24 horas o técnico valenciano entrenada xa en A Madroa.

A decisión de firmar a Escribá paréceme axeitada, pero non agora, sempre foi un bo técnico para o Celta

 

A decisión de firmar a Escribá paréceme axeitada, pero non agora, sempre foi un bo técnico para o Celta pero idealmente a comezo de tempada. Escribá é un adestrador moderado e dialogante, que non se pecha aos medios nin aos xogadores. Tácticamente ordenado, non necesariamente defensivo pero sempre buscando unha proporcionalidade no xogo do equipo. É ademais un técnico afeito a traballar con situacións de dificultade como a que está a vivir o Celta. Pero, sobre todo, e por incrible que pareza é o primeiro adestrador en moitos anos que chega ao Celta con experiencia -real- en primeira división como técnico titular. O que implica, non só coñecer os funcionamentos da liga e os equipos, senon entender os 'momentos' e os estados de ánimo. E o do Celta é preocupante. En demasía.

A partir de aquí, Escribá ten moito que facer e as interrogantes son moitas. Será quen en dous meses de cambiarlle a cara ao equipo defensivamente? Será quen de formar un equipo competitivo e capaz sen Aspas? Será quen de buscar esa intensidade e o compromiso necesario de moitos xogadores que non semellan entender a situación do equipo? Confiemos. Ten traballo.

Polo de agora nos seus dous primeiros adestramentos foron todo motivos para o optimismo. Moi probablemente ver facianas novas e métodos novos de traballo relaxou a tensión das últimas semanas entre os xogadores. O acerto de Escribá - a proposta de Miñambres- de contar con Oubiña e Bermejo no seu equipo de colaboradores é unha pinga de ilusión máis nun momento no que o equipo precisa reconciliarse coa vitoria, coas boas sensacións e coa afección. Borja e Mario son dos homes da casa, dos que pelexaron arreo para devolver ao equipo a primeira división e velos de novo na primeira liña é un golpe de efecto positivo e motivante para os siareiros celestes.

Atrás queda Cardoso, un home que realmente tivo mala sorte no Celta, non me parece un mal adestrador pero as súas cicunstancias en Vigo non foron as mellores. O equipo precisaba realmente dun cambio de dinámica e el non semellaba a persoa capaz de reconducir a situación. Pouco podemos saber do papel que xogará Escribá na historia do Celta pero o que si é seguro é que o seu éxito será o do Celta. Polo de agora chegou a Vigo con bo pé, un pequeno raio de luz no medio do temporal. 

Comentarios