Opinión

A sombra irrecoñecible dun Celta aciago

Non sei a capacidade motivadora que ten Berizzo. Probablemente a teña porque non é un tipo totalmente novato nisto do fútbol.

Non sei a capacidade motivadora que ten Berizzo. Probablemente a teña porque non é un tipo totalmente novato nisto do fútbol. Tampouco sei se a súa planificación da tempada foi a correcta. Non sei se entre o seu equipo de traballo hai algún experto en psicoloxía deportiva ou se no vestiario do Celta se fala de que o equipo ten un problema. O que si sei eu, e todo o que viu o partido do Celta o luns, é que o equipo está vivindo no abismo da desesperación. Quizáis o erro sexa ese, non falar dun problema que, se antes existía, agora é real.

As rachas de malos resultados veñen moitas veces acompañados de mala sorte nos partidos e nas decisións arbitrais.

O problema vén cando eses resultados negativos non teñen absolutamente nada que os xustifique, cando son claramente un reflexo dunha situación negativa. E iso é o que lle está a pasar ao Celta e que até o de agora non se fixera tan evidente. O Celta non ten unha crise de resultados, o Celta ten unha crise de identidade e, polo tanto, de xogo. O equipo non se recoñece, igual que non se recoñece a Nolito no terreo de xogo. A realidade do Celta e a de Nolito son realidades paralelas. O xogador máis importante do equipo non está e, polo tanto, o equipo non está. Non xoga, non crea, non é quen de elaborar xogadas desde atrás. O medio do campo é unha barreira pola que non flúe o balón e que só parece posible ser cruzada con balóns longos. E o Celta non sabe xogar a iso. Non está feito para xogar a iso e os seus xogadores sofren no terreo de xogo cando se ven impotentes sen ser quen de facer o xogo que saben facer. Pero, por que o equipo antes era tan bo e agora está tan mal? É posible que estivera a vivir das rendas e dos bos momentos do final da tempada pasada?

O Celta non ten unha crise de resultados, o Celta ten unha crise de identidade e, polo tanto, de xogo. O equipo non se recoñece, igual que non se recoñece a Nolito no terreo de xogo

No fútbol todo é posible, pero o bloqueo que se viu en Getafe o pasado luns non é un bloqueo de sinxela solución porque non responde ao mal partido dun xogador ou de que o rival era moi bo. Non. O bloqueo do equipo está presente en todas as liñas de xogo e faise patente na persona de Berizzo. O arxentino está claramente desubicado e o luns semellaba desbordado pola situación e sen moita capacidade de reacción, cuns cambios a destempo e que en nada axudaron o equipo. Pero, é Berizzo o mal do Celta? Non o creo. Entón, hai que botalo? Está claro que o equipo necesita un elemento motivador e desbloqueante. Se Berizzo dá con el, benvido, se non, como dixen a semana pasada, o Celta non ten xa comodíns para andar a especular e o mellor para o clube será buscar unha solución que evite problemas maiores.

O sábado fronte ao Córdoba a afección ten que ser más afección que nunca e darlle ao equipo o pulo e a forza que necesita para remontar o voo e atopar dunha vez por todas as boas sensacións que desapareceron hai xa tres meses. 

Comentarios