Opinión

Sergio Álvarez, o gato do Celta que rabuña

Sacar un punto do Calderón, do xeito como se conseguiu, co equipo sufrindo até o final e amosando a madurez que lle faltou nos dous partidos anteriores, é un gran motivo de ledicia futbolística.

Sacar un punto do Calderón, do xeito como se conseguiu, co equipo sufrindo até o final e amosando a madurez que lle faltou nos dous partidos anteriores, é un gran motivo de ledicia futbolística. Ademais, é un grande aliciente para afrontar con tranquilidade e sen precipitacións #onosoderbi do vindeiro martes. Pero, de todas as lecturas que se poden facer do empate a dous do Celta ante o Atlético de Madrid, unha é especialmente salientable: a gran actuación de Sergio Álvarez baixo os paos.

Confeso a miña predilección polo 'gato de Catoira'. Sempre me pareceu un currante nato. Un xogador que traballou arreo ano tras ano sen ter en conta as súas circunstancias profesionais no equipo. Sen querer ser protagonista fóra do terreo de xogo e sen querer levantar a voz máis do estritamente necesario.

O de Catoira é, ademais, o mellor representante do celtismo da periferia, de todos os celestes que viven alén de Vigo e da súa comarca 

Sempre ocupando un segundo plano, moitas veces inxusto. Incluso cando ía ser o seu momento de chegar a primer porteiro do Celta, con Yoel cedido ao Lugo, a chegada de Javi Varas volveuno deixar sen a oportunidade de dar o salto necesario na súa carreira. Para min Sergio Álvarez significa integridade, un dos mellores valores que ten o Celta. O de Catoira é, ademais, o mellor representante do celtismo da periferia, de todos os celestes que viven alén de Vigo e da súa comarca. A súa grande actuación no Calderón estalle a regalar titulares xenerosos e, sen dúbida, ben merecidos. E eu alégrome. A uns poderalles gustar máis ou menos. Poderemos críticar o seu xeito de xogar e os seus defectos, que os ten. Pero, eses fallos e indefinicións, compénsaos con sacrificio e traballo. A súa boa actitude é un regalo para calquera equipo. O Celta ten a sorte de contar con el e a súa chegada a primeiro porteiro é un premio máis que merecido na súa traxectoria de máis de dez anos no clube.

Sergio Álvarez deixou de ser un gatiño manso para se converter en todo un gato adulto que rabuña a quen se lle pon por diante e que se estira até o infinito para defender a portería celeste. O sábado quedaron ben de manifesto as súas intencións.

Comentarios