Opinión

Ser do Celta ou como crer no fútbol 'real'

O sábado tras o partido do Celta sentín o peso dos sete goles do Real Madrid como sete lousas, e as miradas de desprezo do rival como un 'chute' de celtismo incontido. No fútbol irreal que é a Primeira división, @s afeccionad@s dos 'outros' equipos somos o máis real e honesto que existe.

Recuperarse dun 7-1 custa. Un mundo. Recuperarse da imaxen que amosou o Celta no terreo de xogo custa dous. Se o miramos dende un punta de vista despreocupado, no fondo é máis lóxico que che metan sete se non estás a facer nada que recibir sete goles cando estás a traballar arreo.

Ese fútbol irreal que nos 'vende' a liga destroza a inocencia de rapaces día tras día

Pero do que custa recuperarse e das 'risiñas' humillantes ás que nos temos que someter goleada tras goleada @s afeccionad@s do fútbol 'real', o que non ten títulos nas súas vitrinas nin estrelas rutilantes no céspede. O sábado, vendo o encontro, os 'supostos' afeccionados do Real Madrid que había nos arredores regaláronme sete risiñas envenenadas co desprezo de quen se cre superior a ti. Pois si, o Real Madrid foi mellor. Eles teñén máis titulos e a Cristiano Ronaldo, ese 'Narciso' do fútbol español que algún día acabará afogado na súa propia imaxe, se non o está xa. Ese fútbol irreal que nos 'vende' a liga destroza a inocencia de rapaces día tras día. Todos queren ver e tocar a Cristiano Ronaldo e Messi. Os 'ídolos' do fútbol moderno, que están moi lonxe de transmitir valores de honradez e fair play nos que se debe basear o deporte. Sobre todo, o infantil e alevín. Eu un día tiven en Gudelj ao máximo expoñente do fútbol, non existía nada máis fóra del, non coñecía a outros xogadores que non foran os do Celta e non tiña necesidade. Seguro que a alguén lle pasou o mesmo con Donato ou con Fabiano. Pero este fútbol 'real' e menos glamuroso. Non temos peiteados de moda nin coches espectaculares que amosar. Só temos orgullo e calidez. Cimentamos a nosa afección en sentimentos, e non en títulos; en esforzo e traballo e non en cartos. En ser parte dunha familia sempre e non segundo vaia o campionato. Unha afección que nace e morre contigo, máis aló de figuras pasaxeiras. 

Eu un día tiven en Gudelj ao máximo expoñente do fútbol, non existía nada máis fóra del, non coñecía a outros xogadores que non foran os do Celta e non tiña necesidade

E recoñecemos a realidade. Si, o Celta perdeu merecidamente, na segunda metade non compareceu. Berizzo non tiña unha explicación para o que lle ocorreu aos seus pupilos e eu tampouco. Inclínome a pensar que simplemente o equipo desconectou. Perder contra o Madrid en Madrid pode entrar nos plans imaxinables de calquera afeccionado. E tamén nos xogadores, así que eu apoio a versión da denconexión para buscarlle unha explicación lóxica á falta de ideas e de fútbol do Celta na segunda metade. A min non me preocupa especialmente o que pasou no Bernabéu, preocúpame, como digo, as consecuancias para os futbolistas que comezan o sábado a competición 'real' fronte á Real Sociedad. Primeira das dez finais que quedan para conseguir a ansiada praza europea.

Comentarios