Opinión

A semana (case) fantástica do Celta

Pese a que o final da semana non foi tan fantástico como índico no título do artigo, a ilusión que o equipo xerou co pase á semifinais da copa fronte ao Atletico de Madrid, ben merece este calificativo. O case chegounos no tempo extra fronte ás Palmas.

Foi fantástica porque foi contra pronóstico, da prensa de Madrid que segue a vivir na sua burbulla particular, coma a de Barcelona, por outro lado. Foi fantástica porque o Celta creu con tanta forza que superou a un rival superior sobre o papel. Foi fantástica porque foi quen de xerar na afección unha ilusión que había anos que non se sentía. O equipo espertou de súpeto e veu que o “si se pode” non é só un eslogan repetido até a saciedade, é tamén unha realidade. Se o cres, entón, pódese. O Celta fronte ao Atlético creu más, mellor e con mellors argumentos que o rival. A noite perfecta do celtismo acendeu de súpeto a luz dese título que nunca chega. Ou polo menos desa final que tantos anos levamos esperando. O Sevilla será un rival duro, durísimo, pero chegar a grandes metas só é posible facendo esforzos excepcionales. Dúas semanas, dous partidos vitais para seguir soñando. A liga pide pausa, a copa pide paso.

O Celta fronte ao Atlético creu más, mellor e con mellors argumentos que o rival. A noite perfecta do celtismo acendeu de súpeto a luz dese título que nunca chega

Foi, por outra banda, case fantástica porque é posible que esteamos a renunciar a demasiados puntos por un soño que aínda está moi lonxe. Pero tamén, é verdade que o que non arrisca non gaña. Fronte ás Palmas o Celta voltou á senda das rotacións pero desta volta moderadas. Necesarias para repartir esforzos pero as xustas para ser competitivos. Recoñezo que non me gustou especialmente a atitude do equipo, un tanto pasiva en moitos momentos do encontro, incapaz de pechar o partido cando todo estaba de cara. Vin a un equipo que quixo gañar máis que outro, pero tamén vin a un árbitro buscando máis protagonismo do necesario. Tivo o árbitro a culpa da derrota? Probablemente non, pero as súas decisións tampouco axudaron. Un penalti, que maioritariamente non se pita, un fóra de xogo que claramente non era cando Aspas estaba case nun un contra un co porteiro, a máis que rigurosa expulsión a Orellana e así unhas cantas 'anécdotas arbitrais´ que perxudicaron claramente o Celta. Las Palmas traballou ben e ao final a sorte caeu do seu lado e no canto do merecido punto, acabou levando unha vitoria que lle sabe a salvación.

O Celta pechou a semana cun sabor agridoce pero coas ilusións e as esperanzas intactas. Hoxe (luns) comeza unha nova semana, unha nova oportunidade para que esta, si, sexa fantástica, sin 'peros'. A por ela, Celta!

Comentarios