Opinión

O Santi Mina que necesita o Celta

O Celta necesita xogadores con forza, con enerxía, con ganas e con descaro. 

O Celta necesita xogadores con forza, con enerxía, con ganas e con descaro. O Celta necesita xogadores como Santi Mina, novos pero dispostos a amosar a súa calidade e todo o que teñen que aportar ao equipo. Está claro que Nolito é un home fundamental para o Celta. Cando el está ben, o equipo está ben. Nestes partidos onde o Celta semellaba ser unha sombra lonxana do equipo que foi ao comezo da tempada, Nolito era, mesmamente, unha caricatura do que foi, lesión aparte. E o Celta botaba en falta o gran Nolito, ao xogador capaz de inventar un tiro a porta e convertelo en gol. Pois ben, Mina empeza a ser o alumno aventaxado de Nolito. Aproveitou ben os minutos para dicirlle a Berizzo que tiña que contar con el. E Berizzo contou con el. E Mina non está a defraudar. Tira a porta, móvese na área, busca balóns, participa de canta xogada pode e, sobre todo, leva moito perigo á portería rival. Mina está crecendo e sería inxusto cortar ese crecemento. Merece un posto no once do Celta e mereceo por méritos propios.A pergunta é: a quen hai que sacrificar para que Mina entre no once? Radoja? Larrivey? Orellana? Non creo que sexa unha cuestión de sacrificios, senón máis ben das necesidades do equipo. O Celta necesita poñer todo o que ten arriba cando pode facelo e o rival llo permite, pero tamén necesita a Radoja recuperado para apuntalar a defensa cando fraquea como no primeiro gol da Real Sociedade o sábado.

Mina empeza a ser o alumno aventaxado de Nolito. Aproveitou ben os minutos para decirlle a Berizzo que tiña que contar con el. E Berizzo contou con el

Necesita os goles de Larrivey, que algún día acabarán entrando. E necesita claramente o xogo desbordante de Orellana e o seu perigo pola banda. Necesita os xogadores no seu mellor estado pero mentres iso non chega ten un xogador de ouro necesitado de continuidade e coa confianza e ilusión dun xogador novo que quere triunfar na primeira división. Ademáis, Mina é posiblemente o xogador en mellor forma do equipo. E polas súas características físicas, único no Celta. Conta cun dos tiros máis potentes do equipo e, como Larrivey, é un bo cabeceador. Ademais, é un xogador que participa no xogo do equipo, non só espera a que lle cheguen balóns. Xoga polo interior e funciona ben polas bandas e busca ocos para xerar perigo na área. Pero, como todo xogador en crecemento, necesita mellorar e apuntalar todas esas facetas que o caracterizan. Mina está chamado a ser un home chave no equipo como un día o foi Aspas, só hai que darlle os minutos que o xogador e a afección demandan.

Comentarios