Opinión

O retorno de #onosoderbi. Benvido Deportivo

Eu non son do Deportivo. Nin pretendo selo.

Eu non son do Deportivo. Nin pretendo selo. Cada un ten que animar e apoiar ao equipo ao que pertence e cando se trata de equipos pequenos, as cores veñen xa de serie, case case sen elixilas. Aínda que fixera un exercicio de introspección profundo non sabería dicir desde cando son do Celta, igual que non sabería dicir o día no que comecei a camiñar ou a falar.

Pero, ser do Celta non implica odiar visceralmente ao Deportivo. Do mesmo xeito que nunca entendín aos que din ser do Celta e do Dépor á vez, tampouco entendo a eses que lle teñen un odio exacerbado a todo o que vén ou recorda a Coruña. Tristemente hai anos que decidín non ir a Riazor ver ao Celta porque se unha cousa teño clara é que eu ao fútbol vou a pasalo ben. Négome a que na miña terra teña que entrar nun estadio escoltada ou escondendo calquera identificación celeste.

Vendo ascender ao Dépor e escoitando algúns comentarios trogloditas pregúntome se algún día conseguiremos ter un derbi amistoso, coas afeccións unidas

A rivalidade no deporte non é algo necesariamente malo. Outra cousa é ser mal rival ou mal deportista. Por iso, vendo ascender ao Dépor e escoitando algúns comentarios trogloditas pregúntome se algún día conseguiremos ter un derbi amistoso, coas afeccións unidas e celebrando o fútbol galego no canto de tirar pedras os uns contra os outros. Despois de ver as imaxes do Anxo Carro confeso que sentín envexa por ver as dúas afeccións celebrar da man un día festivo para o fútbol galego. Eu tamén quero vivir iso e penso que estamos ante unha oportunidade estupenda para facer de #onosoderbi un día grande. Con todos os meus respectos para o Lugo, e pese a quen lle pese, o grande derbi galego sempre foi o Celta-Dépor e por fin o temos de volta. Agardo que sexa por moitos anos e que os que van ao fútbol a fastidiar queden na casa.

Parabéns deportivistas por ese ascenso a Primeira. O Celta xa pode comezar a conta de puntos con 6 de marxe  :)

Comentarios