Opinión

Que volva a alegría

Unha vez confirmada a non continuidade de Unzué no Celta e co equipo xa de vacacións, toca facer valoración dun ano que de seguro non deixará moito rastro na memoria colectiva do celtismo. A tempada deu para pouco, desmotivante e irregular, o equipo non soubo a que xogaba en moitas fases da tempada e, en xeral, Balaídos encheuse dun 'run run' tedioso que se moveu entre a decepción e o aburrimento.

De seguro que os motivos e as razóns polos que o equipo este ano non funcionou tal e como se esperaba son máis de dúas e de tres pero o que é seguro é que o equipo non foi quen de motivar e motivarse para aspirar a cotas maiores. Quizáis é inxusto poñer todo o peso sobre Unzué. pero está claro que non foi a persoa axeitada para dirixir o equipo despois dun ano tan intenso como o pasado. Creo que necesita tempo e experiencia para facerse un nome na Primeira División e o Celta non foi un bo lugar para estrearse despois de todo o que se viviu a tempada anterior. A sensación persoal é que o equipo necesitaba un motivador nato que non lle permitira aos xogadores baixar do escalón ao que por méritos propios subiron. En certo modo Unzué permitiu unha relaxación no vestiario que se traduciu nun equipo perdido as veces, outras sen ambición e as máis sen un obxectivo polo que saír ao campo e ser o equipo competitivo que tantas veces tivemos visto, gañando ou perdendo.

Unzué permitiu unha relaxación no vestiario que se traduciu nun equipo perdido as veces, outras sen ambición e as máis sen un obxectivo polo que saír ao campo

 

É certo que botarlle a culpa de todo ao adestrador é falsear a realidade. O Celta fixo este ano partidos que rozan niveis moi pobres de xogo e de desconexión por parte dos xogadores e iso non se pode achacar totalmente a unha mala planificación do partido. Hai xogadores que se desconectaron do equipo en moitos partidos, fallos infantís e, sobre todo, non se viu en moitos encontros a conexión e unha unanimidade no xogo. Botei en falta en moitas ocasións un líder no terreo de xogo que fora quen de empurrar o equipo. Por sobre todas as cousas, a desidia non pode estar presente nun equipo de Primeira División que aspira a metas altas, e desgrazadamente foi unha compañeira de viaxe entre xogadores e afección.

Botei en falta en moitas ocasións un líder no terreo de xogo que fora quen de empurrar o equipo

 

E todo isto nun ano que, paradoxalmente, foi de réord para a dianteira do equipo. Maxi e Aspas tardaron en conectar pero cando o fixeron foron letais. Entre os dous suman 40 goles, situandose entre os sete maiores goleadores da liga e sendo Maxi un xogador descoñecido e que se 'gradou' con honores no seu primeiro ano en Primeira. O premio para Aspas será xogar por primeira vez na súa carreira un mundial no que seguro non pasará desapercibido. Os seus goles e, sobre todo, o seu xogo foron chave nos momentos difíciles do equipo. Cando o equipo estivo sen el, o Celta foi aínda máis tedioso e aburrido.

Se Maxi e Aspas foron os grandes protagonistas cos seus goles, outro debutante, Stanislav Lobotka, foino polo seu dominio do balón e a súa visión de xogo. Lobotka foi outra das grandes boas novas do equipo, adaptado á liga e ao xogo, moitas veces caótico do equipo, foi quen de pór cordura co balón e mover o equipo con criterio recuperando innumerables balóns e perdendo case ningún. E nesta terna non pode faltar Brais Méndez, un novo canteirán integrado no primeiro equipo e para quedar, unha boa nova para a Madroa e unha boa decisión de Unzué que lle dou a confianza por diante de xogadores como Mor e Sisto en algún partido. Brais é o triunfo da casa e iso ten que marcar o futuro do equipo.

Brais é o triunfo da casa e iso ten que marcar o futuro do equipo

 

Coas súas luces e as súas sombras, o ano remata co Celta nun gris décimo terceiro posto, alonxado dos postos de Europa League nos que apenas foi quen de pór un pé pero salvado comodamente e sen ver o descenso como unha posibilidade. A dúbida é se o Celta debe deixar de pensar que o seu primeiro obxectivo ten que ser o de evitar o decenso ou se debe dar un paso cara adiante ambicioso e deixar claro desde o minuto un que todo o que non sexa a Europa League será un fracaso. Claramente aposto polo segundo, despois de ver do que é capaz o equipo non teño dúbida que Europa debe ser e debe estar na mente dos xogadores desde o primeiro entreno da tempada. Só soñando se pode crecer futbolisticamente, con humildade e ambición pero sen esquecer de onde vimos para construír un futuro ilusuionante que devolva a xente ás bancadas de Balaídos.

Comentarios