Opinión

Puro Celta

A pesar dos asubíos inxustos, maleducados e egoístas, o Celta volveu contra o Huesca ao camiño de ser o Celta. Volve ao seu ADN, á súa historia, ao balón, ao gol, á canteira. Volveu á vitoria a pesar do ambiente hostil de parte da grada. Esa parte da grada á que non lle vale a idea de Cardoso como antes non lle valía a de Mohamed. Esa parte da grada paternalista que vive no bucle continuo de poñerlle continuamente pedras no camiño ao equipo. Esa non é a afección real do Celta, que reflexionen e que queden na casa, que se relaxen facendo taichí ou vendo as luces de Nadal pero que renuncien a desaminar un equipo que precisa máis que nunca os folgos da afección.

A derrota contra a Real Sociedad foi dolorosa, pero Cardoso ten unha idea clara e contra o Huesca deu un paso adiante. O seu plantexamento non é máis ou menos correcto do que o de Mohamed pero é o que mellor lles senta aos xogadores. O luso foi quen en dous partidos de facer ao equipo xogar. Evidentemente hai moitas cousas que mellorar, sería ridículo pensar que está todo feito en dúas semanas. O Celta sufriu coa presión do Huesca nos primeiros minutos, só a falta de gol dos oscenses evitou un mal comezo. Despois duns primeiros trinta minutos de dúbidas, o equipo amosou personalidade no terreo de xogo guiados polo balón e pola canteira. O primeiro gol do equipo é puro Celta, toque, combinación e definición. Todo feito na casa, todo 'made in' A Madroa. Mallo-Brais-Mallo-Aspas. O gol que amosa o camiño a seguir, no que se recoñecen a meirande parte dos afeccionados celestes e no que se recoñecen os xogadores, que semellan saber, agora si, a que xoga este Celta.

Todo feito na casa, todo 'made in' A Madroa. Mallo-Brais-Mallo-Aspas

 

A boa noticia foi además deixar a porteria a cero, non conceder e amosar boas intencións na liña defensiva. Costas, sen minutos, sufriu co balón xogado pero acabou facendo un bo traballo a pesar dos nervios e a tensión á que o someteu esas parte da grada. É certo que o rival era o Huesca, a priori o rival máis débil da primeira división, pero certo é tamén que gañar este encontro era vital para a moral e a confianza do equipo. Aspas foi de novo o líder moral, espiritual e goleador do Celta, deixando detalles no segundo gol que só crean os xenios do balón. Temos a sorte de telo cada semana en Balaídos, disfrutémolo e apreciémolo.

Queda traballo por diante pero a idea do adestrador é ilusionante, o vindeiro fin de semana contra o Villarreal será o momento de avaliar a dimensión real do xogo e desta vitoria. Até ese momento toca desfrutar da vitoria e reflexionar sobre que e como queremos ser como afección.

Comentarios