Opinión

Tres puntos de oficio para o Celta

A vitoria do Celta, coa súa reducida dose de beleza, foi unhas das máis importantes do equipo até o momento na tempada. Os 41 puntos do equipo son xa un motivo de alegría, confirman que o Celta xogará en Primeira o ano que vén e confirman, oficialmente, que agora si, o obxectivo non pode ser outro que loitar polas posicións europeas. Chegar ao final do campionato sen esta opción seria no fondo un francaso para equipo e afección.

O Celta non fixo un bo partido en Getafe e probablemente a vitoria foi un regalo demasiado xeneroso para o equipo. Aínda así, o Celta fixo un partido de 'oficio', de saber sufrir e de renunciar ao seu xogo para manter os tres puntos. O equipo soubo ler o partido fronte a un equipo necesitado de puntos e que amosou a súa perigosidade nos contraataques. Outra das boas noticias do partido foi ver de novo a Nolito no terreo de xogo, gañando minutos e confianza. O gol é o mellor que lle podía pasar na súa recuperación para ter de volta a mellor versión do gaditano, xusto cando máis o precisa o equipo. Fronte o Villarreal esperamos a Nolito de inicio e os primeiros cambios no once, con toda a plantilla a disposición do técnico.

Fronte o Villarreal esperamos a Nolito de inicio e os primeiros cambios no once, con toda a plantilla a disposición do técnico

A vitoria ademais rompe unha especie de 'maleficio' vicioso no que entrou o Celta no Alfonso Pérez nas últimas tempadas, no que non foi quen de gañar. É un estimulo, como dixo Berizzo na previa do partido. Pode ser que pensar nun obxectivo a 12 partidos semelle un pouco lonxe, por iso é importante buscar pequenas metas que sirvan de motivación tanto aos xogadores como a afección. Gañar en Getafe foi romper unha pequena barreira. Gañarlle ao Villarreal, ou non perder, implica gañar un importante golaverage. Pode que non agora, porque o Villarreal semella inabarcable neste momento, pero ao final de tempada calquera punto positivo ao noso favor será determinante para decidir as posicións nas últimas xornadas.

O Celta mira adiante con optimismo e nos dous próximos partidos fronte ao Villarreal na casa e fronte ao Real Madrid o vindeiro sábado ten unha oportunidade de amosar a súa candidatura a finalizar a liga entre os mellores.

Comentarios