Opinión

Un punto necesario para o Celta

Probablemente na realidade paralela dos soños o punto de onte (domingo) tería sabido a pouco uns meses atrás. Pero a realidade do Celta obriga a definir este punto fronte ao Sevilla como bo, a pesar dos 'peros' e das ocasións do equipo e tendo en conta as importantes baixas. É máis necesario que desexado pero, en definitiva, é un punto que non nos alonxa do obxectivo real de Europa. Permítenos, ademais, gañarlle ao Sevilla un importante golaverage, que seguro necesitaremos ao final da tempada.

O punto deixou unha mistura na afección de sentimentos positivos e negativos pero, sobre todo, deixou unha boa imaxe do equipo, especialmente na segunda metade, cando o equipo foi quen de facer o seu fútbol combinativo e deixar ao Sevilla metido na súa área e cortar a súa capacidade ofensiva.

O mellor Jonny é xenial, pero a súa peor versión, un lastre para o equipo na meirande parte das veces

Foi positivo, e moito, ver a Berizzo reaccionando rápido e poñendo no terreo de xogo a Guidetti e a Marcelo Díaz. O equipo agradeceu os cambios, Wass na banda dereita puxo más perigo nos últimos metros cos seus centros (asistiu a Beauvue no gol) e deixou a Jonny, perdido nos últimos partidos, descansar necesariamente. O mellor Jonny é xenial, pero a súa peor versión, un lastre para o equipo na meirande parte das veces. A opción de Wass na banda góstame especialmente e é unha posibilidade real para darlle a Jonny un descanso, agora con Marcelo Díaz recuperado.

Foi unha gran alegría ver ao chileno (por Marcelo) tocar balón e mellorando moito ao equipo no centro do campo. Dende que el entrou todas as xogadas pasaron polos seus pés, distribuíu o balón á perfección e das súas botas naceu o gol do Celta. Recordou moito a Augusto e deixou na afección unha fantástica sensación de que será en poucos partidos un home esencial no equipo para recuperar á fluidez que se viu fronte ao Sevilla na segunda metade.

Un punto que rompe unha racha negativa e serve de perfecto prólogo para o partido do xoves no que nada temos que perder e moito que gañar

E foi positivo tamén ver a comunión entre a afección e o equipo, recoñecendo cada esforzo e empurrando o equipo cando o partido máis demanda o esforzo do equipo que nunca, nin un só momento deixou de pelexar por gañar o encontro.

O negativo do punto vén da man da incapacidade do equipo de crear e finalizar as accións sen xogadores como Orellana e Nolito, que a pesar das semanas ausentes séguese a botar de menos. Pero fronte ao Sevilla, o dinamismo e mobilidade de Orellana e a súa capacidade de crear accións perigosas deixou o Celta en moitos momentos orfo de ideas.

Fronte a un Sevilla con dez o Celta foi, unha vez máis, un equipo feble na defense das xogadas a balón parado onde o Sevilla sempre creou perigo e foi quen de marcar un gol despois dun córner

Pero no cómputo xeral esté punto será máis recordado por todo o positivo que lle deixou ao equipo tras os malos resultados. É, en definitiva, un punto que rompe unha racha negativa e serve de perfecto prólogo para o partido do xoves no que nada temos que perder e moito que gañar. E este equipo non está programado para rendirse facilmente. De seguro o xoves loitará até o final.
 

Comentarios