Opinión

O preludio dunha final

O de onte do Celta foi o preludio de moito. O preludio dunha final. Si, dunha final. Quero e desexo ver ao Celta noutra final. É un soño ao que non penso renunciar. Non me intersan xa as cautelas, quero gañar e quero estar na final. E como di Berizzo, “as cousas para que sucedan, primeiro hai que soñalas”. E eu non penso noutra cousa dende que acabou o partido. So quero que, por unha vez, o tempo vaia ben rápido, que sexa mércores, e que poidamos por fin voltar a este 'partido' interruptus e saber xa como remata esta película por capítulos.

Non foi o mellor partido do Celta pero foi o esperado fronte a un club como o Alavés, que asfixia, que non deixa ocos, que non permite pensar e que e rápido na contra, a mellor imitación do Atlético da pasada tempada. Pellegrino fai co Alavés un traballo único, todo o equipo traballa xunto, apóianse, non deixan un compañeiro traballar só e, así, o rival queda anulado no seu ímpetu de mirar cara arriba no campo. E iso foi o que todos tiñamos en mente e o guión do partido non defraudou. O 0-0 gústame, motívame e faime pensar sólo en positivo. En Vitoria o Alavés será outro equipo, obrigado a gañar, abrirá espazos e aí o Celta ten que ser letal, ler o partido, entendelo e facer o seu xogo con máis liberdade ca onte.

O 0-0 gústame, motívame e faime pensar sólo en positivo

A chuvia non axudou, como tampoco o fixo o vento e o céspede de Balaídos, que en calidade dista moito de ser un campo ótimo para a Primeira división e, no canto de ser un aliado, é outro enemigo a bater. Non son excusas, é unha realidade. Pero o equipo loitou até ao final, deixou a alma no campo, tivo ocasións claras de gañar o partido e non deu un balón por perdido até o asubio final. Os datos dannos a razón, só faltou o gol. Con chuvia ou sen ela, en Vitoria non valen as medias tintas, o empate non é suficiente, quen comeza un partido buscando un empate, corre o risco de perdelo. E iso non vale, non vale a derrota, non a queremos e non deixaremos pasar esta oportunidade por diante das nosas facianas. Non.

A loita non rematou, este partido dura 180 minutos, levamos 90 e as sensacións son as mellores. A xesta remata en Vitoria, mércores ás 21 horas. As hordas celestes xa van camiño para encher de celeste as gradas do vello Mendizorroza e guiar o equipo a esa final soñada. A ese título que a historia a e xustiza do fútbol nos debe. 

Comentarios