Opinión

O plan 'C' horribilis do Celta

A Berizzo revolution estoupou. Non digo que non houbera posibilidades pero a explosión foi total.

A Berizzo revolution estoupou. Non digo que non houbera posibilidades pero a explosión foi total. Os once xogadores que puxo no terreo de xogo o sábado rara vez xogaran xuntos, polo tanto, estaba a cousa fifty fifty, até que comezou o encontro. Aí remataron as dúbidas e empezou o noso pequeno calvario. Sergi non atopaba a Cabral, Radoja non via a Wass e os de arriba estaban a buscar balóns como quen busca algo ás agochadas... Un desastre sen paliativos.

Non había conexión, e moito menos fútbol no terreo de xogo. Era máis un plan C que un plan B porque o nivel de rotacións foi levado a un plano superior por Berizzo. O arxentino puxo no terreo de xogo a xogadores como Goldar, que levaba dous anos sen xogar no primeiro equipo, ou Borja Iglesias, que non fora titular en ningún partido de liga até o de agora. O Rayo gañou porque tiña que gañar e porque o Celta lle regalou medio partido. A derrota foi merecida e como tal aceptada pola afección celeste. Alégrame ver a rapazes novos tendo minutos pero aos canteiráns hai que irlles dando confianza pouco a pouco, non poñelos na primeira liña de fogo así, sen case previo aviso.

Se o mércores o Celta se converte nun dos equipos no bombo das semifinais, darei os tres puntos por ben perdidos

Probablemente fixera o que fixera Berizzo este era un partido destinado a se perder. Vallecas non é un campo que se nos dea especialmente ben. Como dixo alguén en Twitter despois do partido, o Celta no século XXI gañou máis veces en San Siro que en Vallecas. E certo é. A realidade do noso paso por Vallecas nos últimos anos é unha especie de penitencia terrenal. O Rayo viña, ademais, dunhga liña ascendente de xogo e a vitoria que se lles resistiu en Valencia o pasado fin de semana estaba chamando á porta

Visto o resultado e a derrota clara, case prefiero ter perdido con estes xogadores que cos titulares, necesariamente sentados no banco. O partido do mércores non é un capricho de Berizzo, é unha posibilidade real de meterse en semifinales da copa. O Celta ten máis posibilidades que o Atlético, non moitas, pero as suficientes para crer. Se o equipo, cos xogadores descansados e sen a carga dunha derrota dolorosa nas costas, fai o partido que fixo en Balaídos o pase a semifinales pode ser unha realidade que temos que pelexar até o último segundo. Se o mércores o Celta se converte nun dos equipos no bombo das semifinais, darei os tres puntos por ben perdidos.

Comentarios