Opinión

O plan 'B' do Celta funciona

O Celta fixo o domingo contra o Sevilla un exercicio de fe e de traballo duro sen paliativos.

O Celta fixo o sábado contra o Sevilla un exercicio de fe e de traballo duro sen paliativos. O equipo coas baixas de Cabral, Mallo, Nolito e Larrivey non se deixou amedrentar por un Sevilla que por momentos estaba máis en Turín que en Vigo.

Se me teño que quedar con algo do empate quedaríame coa seriedade e concentración de homes como Costas e Sergi Gomez. Sergi Gomez xa amosou que é un xogador polivalente que rinde igual de ben no centro da defense como nas bandas. É certo que o traballo de Hugo Mallo é ben necesario no Celta porque del saen moitas das xogadas de perigo pola banda dereita, pero Sergi Gómez fixo que non botáramos de menos o de Marín. Sacrificouse pola banda e defendeu cando tocaba. O caso de Costas é para min máis meritorio porque a el particularmente acusouselle inxustamente da derrota contra o Athletic de Bilbao (2-4) na Copa do Rei. Costas fixo un gran traballo de concentración e, a pesar da súa pouca experiencia, soubo manter a calma fronte á un equipo como o Sevilla. O equipo respondeu e, tal como dixo Berizzo na rolda de prensa, fixo un traballo descomunal. Cabe destacar ademais que o banco celeste estaba conformado na súa maioría por rapaces do xuvenil, así que a esixencia foi aínda maior.

O momento de Santi Mina

Pero se alguén destacou por enriba dos demais, ese foi Mina. O seu traballo o domingo intentando cubrir a ausencia de Nolito foi un exemplo de loita e de reivindicación. É, a día de hoxe, un titular indiscutible no Celta, polo que aporta na área e polo seu traballo duro. Mina está rematando a tempada nun gran estado de forma e, sobre todo, cunha grande seguridade en si mesmo que non lle impide moverse pola área sen medo. Nos seus primeiros momentos como titular no equipo, víaselle ese medo propio dun rapaz novo, pero a medida que vai xogando partidos e collendo experiencia vese no campo un xogador máis seguro de cara ao gol e ao que non lle custa tirar a portería. O domingo, con homes como Orellana no terreo de xogo, foi quen de tirar o penalti e cunha tranquilidade total marcar o gol do sufrido empate. O certo é que é unha mágoa que remate a tempada xusto agora que estamos a ver a súa mellor versión, pero de seguro que o ano que vén será definitivamente o ano da súa confirmación como xogador de Primeira división.

Comentarios