Opinión

O perigoso camiño do Celta

Di Luis Enrique que o resultado do partido de onte entre o Celta e o Elche non foi xusto.

Di Luis Enrique que o resultado do partido de onte entre o Celta e o Elche non foi xusto. Xa sabemos todos que o resultado nunca é xusto, que as desgrazas sempre veñen xuntas, que a mala sorte sempre persegue o mesmo equipo e que a vida é dura. Futbolisticamente falando, claro. A recén estreada vida da era Luís Enrique estache a ser ben dura e amarga. Semella máis unha montaña rusa das emocións que o fluír perfecto de semanas atrás. E isto, amigos, vai acabar mal. Primeiro veu a felicidade até a tolemia. a ilusión, os goles e moito fútbol de salón. Despois comezaron as dúbidas baseadas nun equipo que non sabía ao que xogaba. E, finalmente, e até o de agora, chegou a desconfianza. E esa desconfianza está representada na figura de Luis Enrique. O xixonés semella máis perdido aínda que os seus xogadores, obcecado nun estilo de xogo que os seus pupilos repiten como autómatas. O problema é que os xogadores teñen tan aprendida a lección que semellan inmunes á improvisación e, cando lles quitan o balón, atópanse correndo como polos sen cabeza.

A desconfianza está representada na figura de Luis Enrique. O xixonés semella máis perdido aínda que os seus xogadores

Os comezos, din, nunca son sinxelos. Pero o comezo do Celta estase a prolongar demasiado no tempo. O que non é comprensible é que un equipo feito 'á medida' estea agora máis desestructurado que ao comezo de tempada. Os múltiples cambios no once de Luis Enrique tan só serviron para sementar máis dúbidas no afeccionado celeste, que olla ante el unha costa abaixo perigosa e difícil de remontar se non se acha a solución axiña. E esa costa pode supor o desenganche dunha afección á que tantos anos lle costou voltar as bancadas de Balaídos.

Os elementos para seguir crendo son bos e seguen a ser ilusionantes. Onte, fronte ao Elche, estiveron no terreo de xogo sete xogadores galegos saídos da Madroa. A maioría deles aínda novos e cun gran futuro por diante. A afección é consciente de que existe unha boa idea de base e, probablemente, o que necesita o equipo é máis liberdade de xogo para non caer nun bucle do que sexa imposible saír.

Comentarios