Opinión

Unha pena de derbi

Hoxe disque é a festa do fútbol galego. Para min #onosoderbi ten áinda moito de pena e non tanto de festa. É unha pena, si. Unha pena non poder ver o derbi sentada nas bancadas de Balaídos cos meus amigos do Dépor que, habelos, hailos, e telos teñoos. É unha pena que non poida facer a 'previa' nos arredores de Balaídos cos afeccionados do Dépor nun acto de rivalidade san sen que veña o energúmeno de turno fastidiar. É unha pena que a festa do fútbol galego so sexa posible coas afeccións separadas e a seguridade polo medio. É unha pena saber que unha minoría, coa súa dictadura do medo impide a moitos galegos e galegas vivir a festa do fútbol galego en liberdade e sen coaccións. Eu decidín hai moitos anos que non iría a Riazor ver un derbi mentres non puidera entrar no estadio coa miña camisola celeste libremente e sen agochar as miñas cores. Non perdo a esperanza.

Vexo as imaxes do pasado derbi vasco entre o Athletic e a Real Sociedad e sento envexa. Envexo a súa festa, celebrando en comunidade o fútbol vasco e a lingua vasca

Vexo as imaxes do pasado derbi vasco entre o Athletic e a Real Sociedad e sento envexa. Envexo a súa festa, celebrando en comunidade o fútbol vasco e a lingua vasca, tomando 'potes' antes do partido, vendo polas rúas do casco vello de Bilbao as cores txuri urdin misturadas co vermello e o branco en armonía, en festividade, e sen sentir medo aos insensatos. Ese é o exemplo de derbi que eu quero vivir, unha celebración do noso sobre as cores. A celebración da nosa identidade común, a nosa cultura e a nosa tradición sen que iso signifique que non quero ver ao Celta pasarlle por enriba ao Dépor no terreo de xogo. A rivalidade deportiva é san, a rivalidade gratuita, non.

As accións publicitarias e institucionáis de ámbolos clubes axudan e son un pulo para facerlle entender a algunha xente que cos enfrontamentos entre afeccións o único que sae perxudicado e precisamente o noso propio país. Libros coma os Relatos Solidarios enmarcados en #onosoderbi que hai uns anos publicaron un grupo de xornalistas galegos axudan a vender unha imaxe de unidade necesaria. Os Nosos, a recente publicación sobre os xogadores que Celta e Dépor compartiron é unha chamada a todo eso que nos une. Os seus autores, Noela Rey e Héctor J. Pena, parella no profesional e no persoal, ela siareira do Celta e el do Dépor, son un exemplo do que este derbi é, do que representa, das dúas metades de Galicia separada por unhas cores pero unidas por un sentimento común de amor a nosa terra e ao noso fútbol. Todos eles, deron pequenos pasos necesarios para que tod@s poidamos desfrutar do noso fútbol e das nosas cores sen odio polo medio. De seguro que Noela e Héctor estarán nas bancadas de Balaídos xuntos vendo o partido. Serán a excepción que confirma a regra. A regra de que, aínda que queda traballo por facer para ver ás dúas afeccións da man, todos estes pequenos pasos faran algún día que #onosoderbi sexa con maiúsculas a festa do noso fútbol.

Comentarios