Opinión

Parabéns, familia celeste

Esta semana é semana de parabéns en casa Celta.


Esta semana é semana de parabéns en casa Celta. E todos os que somos e nos sentimos afeccionados do Celta temos que nos parabenizar pola permanencia conseguida este pasado luns fronte ao Valladolid. Pero o feito de ter chegado ao obxectivo marcado ao comezo da tempada non significa que teñamos que baixar os brazos e esperar a que remate o campionato. Eu quero conseguir o maior número de puntos, quero os 9 puntos que quedan. Quero quedar entre os dez primeiros equipos da liga e quero quedar o máis arriba posible.

20 titulares

Tendo en conta que a UEFA xa é un premio imposible, o Celta ten por diante tres partidos para mellorar os resultados dun ano máis que ótimo para os intereses vigueses. O mellor desta tempada foi, sen dúbida, a progresión dun equipo que foi de menos a máis. Os vigueses van acabar a tempada actual cun plantel de 20 titulares. E ese é un dos grandes logros de Luis Enrique, ser quen de non deixar que os seus pupilos se relaxaran. Ese é o caso de xogadores como Nolito, Orellana ou mesmo Krohn Delhi, xogadores que non comezaron a liga sendo titulares e que a van rematar sendo xogadores chave e cun rendemento excelente. Nolito leva xa doce goles, superando a Charles, e o de Orellana fronte ao Valadolid é case case inclasificable. Presente en case todas as xogadas, como ben indicou Luis Enrique na rolda de prensa posterior ao partido, case recuperou máis balóns el só que toda a defensa xunta. Krohn Delhi, pola súa banda, fixo que non botemos de menos na medular ao benquerido Oubiña. En definitiva, son todos os que están e están todos os que son. Quizáis a excepción máis decepcionante foi o caso de Wellinton, que non cumpriu nin as mínimas expectativas.

Eu quero conseguir o maior número de puntos, quero os 9 puntos que quedan. Quero quedar entre os dez primeiros equipos da liga e quero quedar o máis arriba posible.

Após esta tempada, o Celta ten un reto apaixoante por diante. Creo que este equipo está chamado a ilusionar a afección. Escoito estes días opinións referidas a que o Celta tiña que ter pelexado este ano por cotas máis altas. Eu non concordo con esta opinión, fundamentalmente porque penso que a precipitación é un risco que nos pode levar por un camiño moi perigoso. O mellor, como din os italianos é andar piano piano porque si arriva lontano. E o ano que ben, que veña o que teña que vir, pero amodiño.

Comentarios