Opinión

Os tempos do Celta

A derrota do Celta contra o Real Madrid, sumada á vitoria do Vilarreal, deixaron ao Celta por primeira vez nesta tempada a catro puntos da salvación. Duro de entender, por moito que pasen as xornadas e duro de asimilar porque este equipo non estaba feito para isto.

O lado postivo foron os ‘brotes verdes’ que se viron na primeira metade no Bernabeu  onde o equipo por momentos controlou ao Real Madrid. De novo as sensacións do equipo con Escribá foron positivas. Pero, de novo, perdeu. Esta derrota, con todo, é algo que entra nos ‘cálculos’ da tempada. Non foi especialmente traumática. O equipo non acabou superado nin destrozado. Anímica e futbolisticamente o equipo resistiu e eso, no Bernabeu, estea como estea o Real Madrid, é positivo. Resistir é, ao menos, indirectamente unha pequena vitoria.

Chega o Celta ao último parón do ano nunha mala situación en termos de puntos pero con mellores sensacións que nos últimos partidos da curta ‘era’ Cardoso. O Celta non acaba os encontros pechado na súa área resistindo unha constante emboscada dos rivais. Escribá soubo, polo de agora timidamente, amosar un Celta máis compensado. É necesario e vital que con esa mellora cheguen as vitorias e os puntos salvadores. O calendario do Celta non é nefasto pero a partir de agora só se pode falar de finais. Quedan dez finais, cinco delas na casa. A primeira delas contra o Vilarreal o vindeiro sábado 30 de marzo. Ese é o partido chave, o máis importante da tempada, o que marcará moi probablemente o devir do Celta en primeira división. É e debe soar drástico. Perder contra o Barcelona ou Atletico é previsible, perder contra un rival directo xogando na casa, non.

Dúas semanas ten o Celta por diante para gañar en mentalidade positiva e preparar o encontro coa maioría dos homes máis importantes na casa, sen apenas viaxes coas seleccións. Dúas semanas de ‘bonus track’ para un Escribá case recén chegado que axudarán a mellorar ideas e perfeccionar conceptos tácticos. Dúas semanas de marxe para a recuperación de Aspas. O líder deste Celta ao que todo o mundo agarda como un salvador pero ao que hai que protexer. Pode que non de inicio pero a mellor das novas sería ver a Aspas tendo xa minutos contra o Vilarreal. Será fundamental para que este Celta remonte o voo e poña distancia coa segunda división.

A resignación non existe. Só a loita. Como tantas veces, non será a primeira nin a última. Todo debe de ir cara arriba, todo o celtismo debe empurra cara arriba. O Celta ten espíritu e calidade dabondo para saír dun lugar que non lle corresponde. Os tempos son os nosos, hai minutos en xogo dabondo. Xoguemos e loitemos.

Comentarios