Opinión

A obstinación do Celta

Ao Celta non lle vale a porta de atrás de Europa. Non lle valen as 'citas previas' nin os comezos 'envenenados'. O Celta quere enfrontarse directamente cos mellores da Europa League, sen medias tintas nin fases previas. Non quere rematar as vacacións antes de tempo e lamentar malas preparacións físicas nunha tempada que será longa e apaixoante. O Celta quere ser quinto. E será quinto. Despois do resultado da semana pasada a sexta praza semellaba o destino final da tempada e do Celta, pero, xa se sabe, no fútbol pode pasar de todo. Incluso que un equipo descendido lle gañe a un candidato ao título cando xa os puntos non significan nada pero a honra é o único que lles queda antes do inferno da segunda. O Atlético non ten nada polo que xogar. O Celta, si. E sabe gañar no Calderón, xa o fixo sobresaintemente unha vez. E o sábado, voltará a facelo. Depende de si mesmo despois do tropezo do Athletic en Las Palmas e, ademais, depende de si mesmo contra un Atlético de seguro máis concentrado na gran final da Champions League do 28 de maio. O Celta non quere fases previas nin partidos 'trampa' aínda coas vacacións na mente. Quere entrar na competición rodado e coa idea de equipo clara. Sin sorpresas nin viaxes innecesarias.

O Atlético non ten nada polo que xogar. O Celta, si. E sabe gañar no Calderón, xa o fixo sobresaintemente unha vez

Fronte ao Málaga, o celtismo gañou un partido que tiña moito de celebración. A obstinación do equipo levouno directamente até a vitoria cun gol en que participaron os tres 'magos' celetes, Nolito, Aspas e Orellana. Magos necesarios para soñar e crecer en Europa. Só unha man prodixiosa de Ochoa impediu a Aspas rematar a xornada e a festa cunha espectacular vaselina. Pola súa banda, Rubén completou outro gran partido que pide sen demora unha titularidade necesaria e merecida. Ao final o resultado acompañou a festa nas bancadas e serviu de despedida a Balaídos até o 'curso' que vén. Un curso que comezará co equipo na Europa League e cun 'novo' Balaídos listo para acoller por todo o alto o salto a Europa.

Un adeus a Balaídos que tivo como protagonista ao presidente Mouriño nas gradas, co agradecemento unánime da afección. Todo o que o Celta é hoxe é, en parte, grazas a el e ao seu equipo. Foi quen de convertir un clube baseado na “contabilidade creativa” nunha empresa rentable, saneada e coas contas e os pagos ao día. Unha empresa que mira a Europa con optimismo e sabendo que, agora si, o #EuroCelta será unha realidade económica e futbolística.
 

Comentarios