Opinión

O Celta respira

 

Fixeron falta tres xornadas para, por fin, sumar os primeiros puntos da tempada. Merecidos por xogo, por ocasións e por idea futbolística. O Celta gusta e gústase, pero esta idea precisa de maduración e de moitos minutos de adaptación. Os de arriba funcionan. Os de atrás seguen regalando perigosos ocos que obrigan a Sergio a oferecer a súa mellor versión. Pero a proposta futbolística deste ano pasa por aí, pola idea de que unha defensa adiantada sempre está, por lóxica, máis perto da área rival e, por tanto, do gol, deixando a defensa exposta ao goles rivais. A necesidade do Celta é ser mellor, máis agresivos no ataque, máis goleadores e que eses goles rivais sexan só unha anécdota no encontro. Como dicía, Sergio de seguro non será un espectador neste Celta e está chamado a amosar a súa mellor versión. O domingo fronte ao Alavés as súas intervencións evitaron dous goles claros nas dúas únicas ocasións do Alavés no encontro. Os éxitos do Celta esta tempada pasan por ser un equipo compacto e sen fisuras porque o Real Madrid ou o Barcelona non perdoarán.

A boa nova dos tres puntos axudará o equipo a liberar ansiedade e respirar tranquilo de cara á vindeira xornada. Pero esa non foi a única nova do encontro. As novas facianas responden. Lobotka, titular por primeira vez co Celta, semella totalmente adaptado ás necesidades do equipo, move o balón ao ritmo do estilo dinámico que Unzue busca nestas primeiras xornadas e axuda na creación. O bon partido que completou coa súa selección fronte a Inglaterra e o baixo momento que atravesa Radoja abriulle as portas da titularidade. E cumpriu, foi un dos mellores do encontro, e deixou claro que está completamente adaptado ao equipo e que será difícil quitarlle un posto. De Maxi pouco se pode dicir xa, foi un día máis o killer do equipo e xa vai a gol por partido. El mesmo recolleceu que non pensaba ter tantos minutos neste inicio de tempada, pero está claro que está aproveitando a oportunidade, e a lesión de Guidetti, ao máximo. É impensable neste momento imaxinar un Celta sen el no equipo titular. Pouco a pouco o 'intocable' once titular do equipo vai mudando de pel, con pequenas pezas que o melloran e lle aportan frescura a recursos. Wass é indiscutible neste Celta, e seríao en calquera equipo, muntifuncional, axuda en todas as posicións e móvese na frontal da área constantemente na búsqueda do gol.

A boa nova dos tres puntos axudará o equipo a liberar ansiedade e respirar tranquilo de cara á vindeira xornada

 

A quen lle está costando un pouco máis este inicio de tempada é a Aspas. Ao de Moaña non lle dá chegado o gol, todos os que marca Maxi fállaos el. Non é un problema físico, nin de recursos, ese gol entrará e Aspas volverá a sentirse protagonista no céspede. O domingo fallou unha ocasión clara de gol e esa ansiedade, mentres a bola non entre, evitaralle ofrecer a súa mellor imaxe. O último en chegar, Emre Mor, o novo ídolo da bancada, aínda ten que amosar do que é capaz. Polo de agora as pezas xa están todas no taboleiro dispostas a ofrecerlle aos siareiros grandes tardes de fútbol, como a do domingo fronte ao Alavés.  

Comentarios