Opinión

O retorno dos 'balaidistas' rancios

Este domingo por casualidades do espacio-tempo atopeime rodeada dun bo feixe de eses 'balaidistas' rancios que a min tanto me gustan. Estaban tendo uns razoamentos tan positivos e optimistas que a piques estiven de fuxir por medo a que me pegasen algunha desas frases do tipo “este equipo non vale para nada” ou “con este entrenador non imos a ningures”. Por un momento pensei que me teletransportara a outro tempo e a outro partido, vin eu o mesmo partido que este señor? Esta Berizzo rotando a xogadores porque, oh surprise, o Celta ten un partido chave o próximo xoves? Despois da conversa escoitada a miña conclusión, se non tivese nin idea de fútbol e fose un neozelandés pasando por alí despreocupadamente, sería que este equipo está cando menos desafiuzado e nas piores situacións na clasificación.

Un dos 'tertulianos' suxeriu que o que tiña que facer xa a directiva do Celta era “botar ao entrenador este” e traer a “algúen de máis nome, alguén como Michel ou así”, e olé. O señor quedou ben satisfeito despois da idea e os de arredor non parecían sorprendido coa medida. Impresionante reflexión, diria eu, desas que son top nun 'balaidista' top. Seguro que se escoitan a rolda de prensa de Berizzo previa ao encontro fanlle vudú, como mínimo. Resulta que cando lle preguntaron ao adestrador polas posibilidades do Celta de estar en Europa a vindeira tempada respondeu algo así como “para que pensar no ano que vén se xa estamos en Europa agora” e a un pasiño de chegar aos cuartos de final, engado eu. Que atrevido Berizzo, quere que a xente disfrute do momento e non viva amargada por algo que non sabe se vai pasar. No fondo é un idealista, tanto “imaxinar” estao a converter nun soñador que, ademais, quere facer soñar a señores que xa teñen asumido que calquera soño é mentira.

Un dos 'tertulianos' suxeriu que o que tiña que facer xa a directiva do Celta era “botar ao entrenador este” e traer a “algúen de máis nome, alguén como Michel ou así”, e olé.

E eses señores e señoras enfadados co mundo están a perder o momento no que vive o equipo. Posiblemente ao rematar o partido fronte o Krasnodar lamentaron máis o gol recibido que os dous marcados. Este domingo fronte ao Villarreal criticaron seguro máis a boa actitude do Celta que o xogo gris e rácano dun Villarreal que ten equipo para darlle lección de fútbol a calquera. A diferenza entre o Celta e o Villarreal é que o segundo non está interesado en xogar ao fútbol. O xoves que vén o batallón 'anti-todo' sentarase frente ao televisor pensando desde o minuto cero que o equipo “así non vai a ningures”. Mentres, @s 'soñador@s' teremos que vogar o dobre para ver ao noso equipo loitar como sabe para saír vencedor e velo nos cuartos de final dunha Europa League que non precisamos xogar o ano que vén porque o noso momento en Europa é hoxe e agora. Os que aínda non se decataron debería subir ao tren antes de que sexa demasiado tarde.

Comentarios