Opinión

A nova actitude innegociable do Celta

Tres partidos poden ser moitos para sacar conclusións apresuradas pero deberían ser suficientes para adiviñar cara onde vira un equipo 'en construción'. A evolución evidente do Celta nestes primeiros encontros desemboca nunha análise necesaria do que si é o novo Celta. Un Celta no que a actitude e a entrega son, en verbas do adestrador Antonio Mohamed, "innegociables". A mensaxe é clara desde o primeiro día: os partidos pódense gañar ou perder pero ao que nunca se pode renunciar é á entrega. Algo do que o Celta careceu a tempada pasada. Semella difícil pensar —vendo o partido contra o Atlético— que este Celta era un equipo sen 'alma' hai pouco máis de dous meses. Deixar o Atlético fóra de xogo como o sábado o fixo o Celta era impensable na era Unzúe.

A mellora do equipo é evidente, realista, ilusionante e froito do traballo dun recén chegado á liga: Ricardo Antonio Mohamed Matijevich. Estilisticamente, o cambio no banco é evidente. Intenso nas súas vestimentas, Antonio Mohamed semella un adestrador pausado nas súas verbas. Lonxe de retóricas baldías, o arxentino amosou desde o primeiro momento un traballo decidido a facer do Celta un equipo mentalmente gañador. Deixou claro que Europa é o camiño, sen atallos. Ter obxectivos ambiciosos é fundamental para a motivación de afección e xogadores. Sen metas claras non hai motivación e sen motivación non hai loita, ergo, non hai competitividade nin competición. Lonxe de estar 'afiliado' a unha idea de fútbol, Mohamed vive adicado a debuxar un once que presione 90 minutos e que a intensidade sexa a súa maior identidade.

Deixar o Atlético fóra de xogo como o sábado o fixo o Celta era impensable na era Unzúe

 

E nesa intensidade ocupa un lugar fundamental o traballo defensivo, a maior asignatura pendiente do Celta nos últimos anos. O 5-2-3 semella ser para Mohamed a mellor solución para os problemas de defensa do equipo. Junior e Mallo axudan en defensa na resta, pero son de facto 2 extremos máis no ataque, o que, por outra banda, libera, especialmente Sisto das tarefas defensivas. A defensa de ‘5’ deulle ao Celta fronte ao Levante e o Atlético a necesaria organización para gañar os encontros desde atrás. Fronte ao Atlético a liña de tres centrais fixo un traballo colosal. E nesa liña emerxe coma un Ave Fénix Néstor Araujo, a solvencia que chegou de México para construír coa súa fortaleza un sistema defensivo fiable, por fin.

A vitoria fronte ao Atlético do Madrid disparou os índices de optimismo entre a familia celeste. Motivos hainos pero, como en todo, a moderación debe ser tamén unha virtude nas conclusións precipitadas. O 'partido a partido' apunta a ser xa o novo mantra en casa Celta. Polo de agora non funciona mal a nova filosofía.

Comentarios