Opinión

O non partido do Celta en Madrid

Seica a Cristiano Ronaldo vanlle dar de novo o Balón de Ouro.

Seica a Cristiano Ronaldo vanlle dar de novo o Balón de Ouro. Está ben. Pois xa que están, podían aproveitar a ceremonia para darlle tamén o premio Razzie, por actor e por malo. A súa actuación do sábado saíulle rentabilísima. Un piscinazo que vale un penalti e un gol. Fin do partido. Si, porque o enfrontamento entre o Celta e o Madrid durou basicamente os 35 minutos que lle apeteceu a Cristiano 'piscinas' e ao seu cómplice Undiano Mallenco. Ou alguén pensaba que o Celta ía ser que de remontar un resultado adverso no Bernabeu? Ou alguén pensaba que Undiano non ía pitar ese penalti? Canto nos queda por aprender aínda deste mundo do 'estrellato' futbolístico. Non para copialo, senon para evitalo. Si Jonny, se Cristiano está só diante da portería nada de tocar, que para iso el é o guapo, o rico e o 'molon'. O problema é que ás veces a Cristiano esquéceselle que tamén ten que dar exemplo da profesionalidade que se lle supón a un tío que gaña os cartos que gaña. Ou vanlle baixar o salario se utiliza ferramentas pouco lícitas para gañar? Non creo que a Florentino lle importe moito. O triste é que Ronaldo é un dos mellores xogadores do mundo, ao que seguro que ninguén lle regalou nada, e ten miles de recursos para gañar partidos el soíño sen ter que recorrer a emporcallar o fútbol aínda máis. Se esta acción pasa nun Madrid-Barça ou nun Madrid-Atlético temos tema de conversación na prensa até o día do xuízo final. Se lle pasa ao Celta ou a calquera outro, todo está ben. Os equipos pequenos, por non ter, non temos nin o beneficio da dúbida.

 O enfrontamento entre o Celta e o Madrid durou basicamente os 35 minutos que lle apeteceu a Cristiano 'piscinas' e ao seu cómplice Undiano Mallenco

E despois do penalti, que?... Pois nada. A partir do minuto 35, como digo, o partido foi outra historia. Un Celta brandiño case sen asustar o Madrid atallando as súas embestidas decentemente pero cun serio problema nas posicións ofensivas. O Celta non tira a porta. Chega pero non remata. E así, con Cristiano ou sen Cristiano, é imposible. Pasou o día do Eibar. Facémolo todo ben pero necesitamos que homes como Álex ou Krohn Delhi tiren a porta. O Celta ten que atopar outros recursos para chegar á portería rival sen arriscarse a perder o balón no último pase. Hai opcións. Só hai que buscalas e poñelas en práctica. Temos tempo dabondo e a tranquilidade na taboa para poder facelo

Comentarios