Opinión

Non é só polo fútbol

Hugo Mallo explicou a importante vitoria do Celta en Vila-real cunha única palabra: equipo. E fixoo sen rodeos, entendendo que a idea que move os xogadores é o equipo, unha rede (inter)conectada de pernas solidarias que se axudan cando ven as do compañeiro fraquear. Este é o novo Celta, un equipo que por fin sabe ao que xoga, volvendo a ser un colectivo no que as pezas unidas fan un todo. A desorde, a falta de ideas, o individualismo, o non saber que pensa o compañeiro... todo iso só se soluciona mediante o entendemento do fútbol como un equipo colectivo. Un colectivo que está nun proceso esperanzador de devolver a ilusión á afección celeste.

Faime gracia que Cardoso foi quen de construír un equipo nun mes cando Antonio Mohamed explicaba, despois de case catro meses en Vigo, que o equipo estaba aínda en construción. Marabíllanme as súas xustificacións semana tras semana. A miña preferida, a de que non tiña os xogadores necesarios para o requerido nas posicións. Claramente iso denotaba unha falta de coñecemento de case todo: do contexto, da liga española e, sobre todo e o máis preocupante, do seus propios xogadores. Non vale falar do pasado demasiado pero si creo que é importante telo presente para entender e poñer en valor agora a Cardoso, saía ou non saía ben o seu proxecto en Vigo. Cardoso traballa, non se xustifica, busca solucións. Fixo ao equipo xogar ao fútbol de novo, deulle o balón que tanto ansiaba e aprendeu a coñecer ao seus xogadores.

A idea que move os xogadores é o equipo, unha rede (inter)conectada de pernas solidarias que se axudan cando ven as do compañeiro fraquear

 

Pero non é só unha cuestión de fútbol, a mudanza do equipo neste mes é fundamentalmente unha mudanza de mentalidade. De sensacións. Escoitando os xogadores queda claro que o Celta era un equipo perdido, que os xogadores estiveron vivindo o seu particular 'exilio' do fútbol. Falando un idioma incomprensible. Cada nova testemuña lévame a pensar que o 'fútbol' e as ideas de Mohamed era unha especie de 'tortura' para uns xogadores afeitos a entender o fútbol simple, o do balón, sen tácticas extraterrestres e sen ter a sensación de que tiñan que inventar un xogo que leva xa demasiadas decadas inventado. Cardoso trouxo a Vigo, sobre todas as cousas, paz e razón. De supeto o equipo ten á fronte un home que lles fala no seu mesmo idioma, que os entende e ao que entenden. Que explica o fútbol desde o fútbol. Desde principios básicos de xogar sen complexos e coa seguridade que iso é o que saben facer.

Pero os erros seguen aí, non poden desaparecer dun día para o outro, e os do partido de Vila-real foron evidentes a evitables. A marca Celta tamén é iso, arriscar e perder. Pero os tres puntos, a imaxe positiva e o dominio territorial e de xogo superan con moito os fallos dos últimos dez minutos de partido. O Celta do fútbol de salón, o atrevido, o do fútbol de toque, o do balón está de volta, e esa é a maior das novas posibles. Que dure.  


 

Comentarios