Opinión

Nolito non quere xogar só

Grazas Nolito. Grazas por pecharlle a boca a eses, os de sempre, os do asubío fácil e o insulto rancio


Grazas Nolito. Grazas por pecharlle a boca a eses, os de sempre, os do asubío fácil e o insulto rancio. A min represéntasme. Represéntasme ti, e Sergio e Jonny, e todos e cada un dos xogadores que pese a facer un mal partido non deixan de loitar. O equipo non precisa de asubíos cando as cousas non lle saen no terreo de xogo, precisa de folgos, moitos folgos.

Se un alieníxena afeccionado á Liga española vise a actitude de algúns afeccionados na grada o sábado podería pensar que o Celta estaba a loitar por evitar o descenso, pero non. A realidade é ben distinta e o Celta é hoxe un equipo que está cuarto na clasificación, en postos Champions, loitando para manterse cos de arriba o máximo tempo posible. Merece o equipo a actitude de uns cantos afeccionados? Absolutamente non. A memoria é moi feble e pronto esquece que hai tres anos estabamos rezando para non descender á segunda división, aferrados a un 4% de posibilidades que non semellaba un milagre, semellaba un imposible a todas luces.

O equipo non precisa de asubíos cando as cousas non lle saen no terreo de xogo, precisa de folgos, moitos folgos

Pero moitos afeccionados ao Celta teñen unha tendencia a esquecer os malos momentos cunha facilidade pasmosa. O Celta camiñou polo inframundo de segunda só. Despois de xogar a UEFA e a Champions pasou a vivir no calvario de segunda división cos poucos folgos que os 'irredutibles' lle daban cada semana.

O equipo nin precisa nin merece actitudes pobres e negativas. Necesita, nos malos momentos, a mellor cara da afección, como cando a precisa un rapaz que un día ten un baixón na escola. Precisa que lle demos folgos cando as ideas non chegan e que lle mandemos forzas cando as pernas fallan. Posiblemente o equipo esté pasando por un baixón físico e de fútbol pero iso é normal tendo en conta que o Celta é un equipo que apenas rota e cun plantel curto. O ano pasado ese baixón levounos a encaixar once xornadas sen gañar e dicer adeus ás posibilidades de xogar en Europa. Este ano temos que estar listos para que o baixón nos colla coa fortuna e a afección do lado do equipo, gañando partidos como o do sábado, con sorte, si, pero unha sorte buscada. Nolito fronte ao Sporting amosoulle á afección que se non estamos todos unidos, nin esa sorte nin as grandes metas chegarán.

Comentarios