Opinión

No Celta, todo suma e todo segue

Lembro de nena escoitar a miña aboa repetir sempre, como un mantra, “pero ide amodo”.

Lembro de nena escoitar a miña aboa repetir sempre, como un mantra, “pero ide amodo”. Daba igual a onde foramos e o que foramos facer, o seu leitmotiv era “amodo”. E tiña razón, as cousas hai que procurar facelas amodo para que saían ben. Tan amodo, claro, como a paciencia permita. Se a miña aboa lle tivese gustado o fútbol seguro que estaría dacordo conmigo en que o Celta, amodiño, está construíndo pouco a pouco un camiño que de seguro lle ten destinadas grandes metas. Porque a historia do Celta nesta liga escríbese amodiño, sen présa e coa seguridade que nos debe dar saber que facendo o noso xogo ao final os goles entrarán. Un partido sen marcar parécenos agora mesmo un escenario afastado de nós, do Celta dos 15 goles a favor que o converten no máximo anotador da liga empatado co Real Madrid. Un empate a ceros en Balaídos contra o Getafe soa a querer e non poder, a noite de paus estrelados e a paradas imposibles.

Os 15 goles a favor converten o Celta no máximo anotador da liga empatado co Real Madrid

Ao final do partido contra o Getafe, despois das oportunidades do equipo e a frustración de ver pasar os minutos e as oportunidades sen goles, o empate semellaba entón algo decepcionante, non polo xogo do equipo senón pola loita infértil contra un equipo que se adicou a defender sen ofrecer nada, só interrupción tras interrupción para evitar o xogo fluído do Celta. Iso, sumado ao magnifico partido de Guaita, fixeron da área do Getafe un auténtico fortín. Non o puido resumir mellor Berizzo: “Afixémonos a un caudal ofensivo esaxerado e, en comparación, hoxe parece que non atacamos todo o que puidemos”. Así é, o Celta xa non entende os partidos sen ter polo menos cinco accións claras de gol e cando non entran semella que o equipo se esqueceu de atacar cando a realidade é ben diferente. Pode que o Celta non fixese o seu mellor partido fronte ao Getafe, mais a diferenza con outros anos é que agora a opción para os malos partidos é o empate e non a derrota.

O Barça, Villarreal, Real Madrid e Atlético fixeron que o empate do Celta saiba agora (case) a tres puntos. Permitíronnos os 'señores' da liga rematar a xornada terceiros, empatados a puntos con Real Madrid e Barcelona e a só un punto co Villarreal, co que xogamos a vindeira xornada.

Ao final, como dixo Berizzo ao rematar o encontro, “todo suma, todo segue”. E, como dicía miña aboa, mellor “amodo” para non tropezar.

Comentarios