Opinión

E no Celta puxeron o traxe

Mandan os cánones da elegancia que unha á catedral do fútbol ten que ir ben plantada, ben peiteadiña e sempre ben arranxadiña.

Mandan os cánones da elegancia que unha á catedral do fútbol ten que ir ben plantada, ben peiteadiña e sempre ben arranxadiña. San Mamés son palabras maiores. Non sei se foi por iso ou por razóns publicitarias pero o caso é que Berizzo puxo o traxe do Celta xusto cando pisaba o campo máis elegante dos da primeira división. Incluso Marcelo Bielsa, con ese 'charme' chandaleiro seu, tiña un aire ben distinguido paseando pola banda coas mans ás costas e as gafas ao xeito de mestre de escola rosmón. E cando xa pensabamos que o míster celeste ía seguir os pasos do 'Loco' Bielsa e non abandonar o chandal en toda a tempada, foino deixar no armario xusto no partido contra o ex equipo do seu mestre, como se dunha revalida se tratara.

Berizzo, cos cambios, aportoulle un perfil máis ofensivo ao equipo

Anécdotas aparte, mentres Berizzo paseaba elegante pola banda, aos celestes no terreo de xogo tocoulles poñer o outro traxe, o de obra. Tiveron que aplicarse a fondo para conseguir un punto valiosísimo e traballadísimo que, agás polos primeiros 20 minutos do encontro, sen dúbida mereceron. Berizzo, cos cambios, aportoulle un perfil máis ofensivo ao equipo e con Hernández de media punta, xusto por detrás de Larrivey e Charles, o equipo imprimiulle unha nova marcha ao encontro. Os vigueses deixaron o Athletic fóra de xogo por uns minutos e marcaron os mellores momentos do Celta. E, de novo nunha combinación entre Orellana e Nolito, que semellan saber o que pensan case de memoria, chegou o merecido gol do Celta. Gol que podería ter sido duplo se non chega a ser porque Nolito botou por fóra un balón diante do porteiro bilbaíno despois dun fantástico pase de Hernández. Ao final, taboas no resultado e a sensación de ter sacado de Bilbao un punto boísimo. O empate a uns permítelle ao Celta seguir a ser un dos equipos que aínda non perdeu como visitante e manter todas as opcións intactas para soñar con todo o que a imaxinación celeste permita.

Comentarios