Opinión

O minuto fatal do Celta

Ao Celta sobroulle este domingo un minuto.

Ao Celta sobroulle este domingo un minuto. Un minuto case que fatídico no que, en dúas recuperacións de balón consecutivas, o Villarreal puxo unha distancia no marcador que, polo visto no terreo de xogo nese momento, semellaba salvable. O premio para os amarelos foi demasiado para un encontro no que apenas xeraron perigo e no que o Celta, dominador absoluto do partido, non soubo xestionar as contras demoledoras dos valencianos. Co gol de Larrivey, o Celta acortou distancias pero, basicamente, a falta de puntería, a mala sorte, ou algunha meiguería estrana impediron que o balón volvese entrar na portería rival. E por gañas e intentos non quedou. Inclusive os cambios de Berizzo fixeron o Celta aínda máis ofensivo, o máis ofensivo até o momento no que vai de campionato. O terceiro gol do Villarreal foi un accidente case que inevitable tras a expulsión de Fontás e con todo equipo volcado nas tarefas ofensivas.

A excepción do resultado, o Celta deixou boas sensacións

Se me preguntan a min, prefiro perder puntos así, que dando unha mala imaxe. Partidos hai que perder, iso é unha obviedade, pero os puntos que se perden, non deben de supoñer unha perdida de actitude e identidade do equipo, ou unha perda de confianza da afección. Iso sería máis grave e preocupante. Eu este domingo vin en Balaídos a un equipo que pelexou até o asubio final e que buscou o segundo gol sen descanso. Ben plantado no terreo de xogo e deixando unha boa imaxen, intentouno de todos os xeitos posibles. En resumen, a excepción do resultado, o Celta deixou boas sensacións. Pero, a sorte que nos acompañou no partido fronte ao Elxe, abandonounos miserablemente fronte ao Villarreal. Non é excusa, e o Celta non se pode permitir perder puntos na casa contra un rival co que se pode xogar algo ao final da tempada. Un partido que ten, en definitiva, moitas leccións positivas, agás por un só minuto aciago.

Comentarios