Opinión

Mil veces Berizzo

Non entendo ningún éxito de este Celta sen pasar por Berizzo. Él é a parte fundamental deste Celta, o seu espíritu e a súa identidade. Quen conseguiu devolver á afección as gañas de soñar e de crer, por fin, que a realidade dun título pode non estar tan lonxe como pensamos. Non tanto polas posibilidades reais de gañalo, senon pola capacidade que ten de xerar ilusión na afección coas súas verbas tranquilas e cheas de mensaxes realistas, sen caer no triunfalismo pero ambiciosas de cara ao futuro do equipo. Hai tamén xente que non cre nel, probablemente os ilusos e os que se empeñan en facernos ver que o Celta ten un equipo top cando en relidade en calidade moitos outros gáñannos, xente que non ve o equipo que vemos a maioría de nós. Berizzo non é o Mesías que chegou para alumear o camiño do equipo, equivócase e a xente faillo ver, pero dos erros aprendeu, como aprendemos todos, a facer un equipo mellor e máis comprometido, sabendo combinar un equipo competitivo coas rotacións.

Onte, na rolda de prensa posterior ao encontro dos primeiros que se lembrou o arxentino foi dos seus xogadores. “Esta vitoria é dos futbolistas”, comentou, e díxoo convencido de que un equipo como o Celta nunca pode competir en condicións de 'igualdade' contra equipos que multiplican por mil o seu presuposto. Compite en igualdade de condicións emocionais, si, e en loita e ilusión, pero non en calidade e en millóns. Os xogadores do Celta onte deron unha lección de sufrimento e aguante, de gana e loita. Onte non foi a noite do fútbol de salón, foi a noite da ilusión e a resistencia. Os xogadores e o corpo técnico pecharon unha eliminatoria de dez, botando fóra a un dos candidatos ao título e deixándoo sen argumentos no terreo de xogo. A sorte? Iso deixámolo para os xogos de azar. Gañarlle ao Real Madrid nunha eliminatoria de copa a dobre partido require de moito máis que de boa sorte.

Os xogadores do Celta onte deron unha lección de sufrimento e aguante, de gana e loita. Onte non foi a noite do fútbol de salón, foi a noite da ilusión e a resistencia

O Celta é un equipo do medio da taboa, e é a día de hoxe dos poucos que poden dicir que están vivos en tres competicions e chegando por segundo ano a unhas semifinais da Copa do Rei. As casualidades no mundo do fútbol existen poucas veces e menos nos equipos que temos que pelexar até o último segundo por recoller algunha ganancia dos partidos. Berizzo conseguiu ter un equipo de 22 xogadores, motivados e dispostos e loitar polo equipo. A fin de semana pasada fronte a Real Sociedad o equipo perdeu pero a imaxe do equipo 'B' foi moito máis que decente e deixou moitos motivos para confiar nos xogadores menos habituais.

Non é Berizzo un home de éxitos, non lle interesa, interésalle ter no terreo de xogo un equipo motivado. E fóra, nas gradas, unha afección motivada e ao 100% co equipo. De Orellana xa case ninguén se acorda, Berizzo deixou claro que non conta con ell e a grande maioria do celtismo entendeuno. O peor que lle pode pasar a un equipo coma o Celta é ter unha mazá podre no cesto. A unidade é a chave e o único camiño para recuperar soños e ilusión que pensábamos xa de outra época.  

Comentarios