Opinión

A marabillosa casualidade de Aspas

Aspas é un deses xogadores que sempre ten unha xogada fermosa esperando. Dos once goles que marcou ningún é 'feo', case todos levan o selo do 'mellor gol da xornada”. O conseguido fronte á Real Sociedad, ademais de estar de seguro no 'top ten' dos mellores, significa a confirmación definitiva da carreira por Europa do equipo.

A madurez futbolística e personal de Aspas chegou agora, de volta no Celta, no seu equipo. E voltou para amosar o que xa sabíamos, que a súa calidade descansa nesa perfección técnica que moitos xogadore quixeran para si. É un xogador temperamental, pero lonxe dos anos tolos no que o deixaban fóra do terreo de xogo por accións fóra de todo sentido. E traballador, con Berizzo ten máis libertade pero iso tamén implica xogar por dous, en ataque e en defensa. E non descansa, é o primeiro en baixar a defender cando o equipo precisa del. Aos seus 28 anos tiña que ter chegado ao cumio antes pero o seu paso polo Liperpool e o Sevilla foron case follas en branco que detiveron o seu crecemento un par de anos. Non tivo a continuidade necesaria para acumular minutos e confianza. Nunca amosou alí nin un chisco da súa calidade. E iso pesoulle. Aspas chegou a Vigo de novo famento de fútbol e de goles e o Celta agardaba cos brazos abertos un dianteiro que guiase o equipo cara a Europa.

É un xogador temperamental, pero lonxe dos anos tolos no que o deixaban fóra do terreo de xogo por accións fóra de todo sentido

As casualidades trouxéronno de volta a Balaídos e a afección respondeu, 1.500 persoa déronlle a benvida. “Madurei e aprendín” dixo na súa presentación. E esa realidade amósaa semana tras semanas sendo un dos líderes do equipo. Tranquilo pero mantendo o seu carácter intacto, fronte á Real Sociedad foi a luz do equipo. Nun partido pobre do equipo o seu gol de vaselina foi das poucas cousas que o equipo pode destacar. O partido foi máis ben gris e sen moita historia. O Celta estivo demasiado atrás na segunda metade e sufriu demasiado nos últimos minutos do encontro. Ese magnífico gol de Aspas, o traballo do equipo e, de novo, moito oficio, permitíronlle á escadra celeste conseguir tres puntos valiosísimos que lle permite afrontar unha nova xornada de liga en postos europeos.

Comentarios