Opinión

Manucho cabrea o Celta

Nas previsions que o Celta tiña sobre o partido fronte ao Rayo Vallecano moi probablemente non entraba a de encaixar un gol antes de que se cumprira o primeiro minuto do encontro


Nas previsions que o Celta tiña sobre o partido fronte ao Rayo Vallecano moi probablemente non entraba a de encaixar un gol -obra de Manucho- antes de que se cumprira o primeiro minuto do encontro. E tendo en conta a proposta ofensiva do equipo vallecano, só cunha liña de tres defensores, a cousa podía ir perfectamente máis ben encamiñada a “á que nos pode caer”. Pero o Rayo ten estas cousas, que Jémez é un kamikaze brillante e non se conforma con perder, perde ao grande, amosando valentía en niveis tan incomprensibles como “riquiños”.

O que non entraba nos planes do Rayo probablemente era que un ex xogador rayista, Larrivey, ía vivir o sabado a sua personal resurrección marcando dous goles e rompendo a mala racha goleadora que levaba enriba.

O que tampouco esperaba o Rayo era que un rapaz de 19 anos de nome Santi Mina ía vivir o seu grande día en Primeira division marcando catro goles por primeira vez na súa carreira e sendo o home do partido. Hai xa unhas semana que dixen que Mina tiña que ser titular no Celta, agora reafírmome unha e 100 veces máis.

E o que sin sequera pensara o Rayo era que Fabian Orellana ía buscar o perdón da afección amosando o que mellor sabe facer, desbordando o rival unha e outra vez pola súa banda sen compaixón. E todo isto nun partido que ao Celta se lle puxo costa arriba no primeiro minuto. Claro que, no canto de caer na desesperación e no derrotismo, os celestes ollaron cara adiante sabendo que se a algún equipo se lle podía remontar, ese era o Rayo. E pouco lle durou ao equipo de Vallecas a súa ledicia inicial. 

Hai xa unhas semana que dixen que Mina tiña que ser titular no Celta, agora reafírmome unha e 100 veces máis

O Celta deixou os vallecanos ‘vendidos’ atrás e Jémez, entoando un mea culpa coma unha catedral, viuse na obriga de recompoñer a defensa e voltar a colocar no equipo unha liña de catro defensas, pero que pouco puideron facer para frear os ataques envenenados do Celta.

O sábado era o día do Celta, o día de dar un paso adiante, o de resarcirse da derrota inxusta fronte ao Barca da xornada anterior. O furacán do Rayo quedou nun vento frío e o Celta acabou pasando por enriba dos homes de Jémez coma toda unha tormenta galega, con saraiba incluída.

Comentarios