Opinión

“Por una linda jugadita”, ou de como o fútbol un día foi poesía

O domingo mentres vía a vitoria do Celta en Eibar lembrei a Eduardo Galeano.

Onte mentres vía a vitoria do Celta en Eibar lembrei a Eduardo Galeano. Lembrei algunhas das súas reflexións sobre o fútbol. Lembrei a súa capacidade de entender ese sentimento que todos os futboleiros levamos metidos dentro desde pequenos e que el soubo transformar en versos cheos de verdade e paixón. El fixo do fútbol un poema, a súa relixión, e lendoo, até parece que ás veces o fútbol volverá a ser ese deporte honesto e humilde que algún día foi. Qué pensaría Galeano do Eibar? Seguro que tería unha boa reflexión para significar o que o pequeno milagre eibarrés está a facer. Seguro que lle caerían ben os seus seguidores e seguro que sería feliz sentado nas pequenas e modestas gradas de Ipurúa. Ou mellor, igual decidía subir a algunha das ‘gradas improvisadas’ que son as casas dos veciños en primeira liña de ‘estadio’. Seguro que tería algún verso escondido para explicarnos aos ignorantes da palabra o que o Eibar significa na xungla sen escrúpulos na que se converteu a meirande parte do fútbol actual. 

“O xogo converteuse nun espectáculo con poucos protagonistas e moitos espetadores”, di Galeano no seu El Fútbol a sol y sombra. Un “futbol para mirar”. O espectáculo converteuse, como el ben sinala, “nun dos negocios máis lucrativos do mundo, que non se organiza para xogar, senón para impedir que se xogue. A tecnocracia do deporte profesional impuxo un fútbol de pura velocidade e moita forza que renuncia á alegría, atrofia a fantasía e prohibe a osadía”. Amén. Pero aínda hai esperanza porque existe, segundo Galeano, algún “descarado carasucia” que se atreve a lanzarse a xogar ao fútbol para gozar da “prohibida aventura da liberdade”. Aínda existen os Messi, Modric, Krhon Dehli, Iniesta, Muniain… que queren o balón e que desfrutan con el nos pés. E que nos fan desfrutar aos espectadores de “lindas jugaditas” que nos devolven a fe no fútbol.

Eu a Galeano entendoo cando di que que o fútbol é a “única relixión que non ten ateos”, enténdoo porque é así

Eu a Galeano entendoo cando di que que o fútbol é a “única relixión que non ten ateos”, enténdoo porque é así. Non hai feligreses de segunda non fútbol, non existen os crentes non practicantes. O fútbol prácticase véndose e sentíndose. A Galeano escoiteille dicir nunha ocasión que el debía ter o ceo gañado porque na súa ‘romería’ polos estadios uruguayos tivo que ver partidos “horrorosos” nos que case un pode perder toda a fe no fútbol. Pero despois aparecía outra boa xogada e volvía crer e entender esa maxia ‘tolemia’ incomprensible que é ver un balón rodar.  E nós, os celtistas, somos uns privilexiados porque Balaídos é un estadio para desfrutar o fútbol, desfrutar o balón, o bo xogo e, en definitiva, celebrar a poesía do fútbol.

El Fútbol a sol y sombra é un deses libros que se len sen esforzo e que hai que ter a man para eses días nos que se perde a fe e imperiosamente necesitas as verbas precisas para volver ver a luz, volver sentir o fútbol, volver querer o fútbol, e, en definitiva, volver crer no fútbol. “Escribindo ía facer coas mans o que nunca ía ser capaz de facer cos pés, eu non tiña máis remedio que pedir ás palabras o que a pelota, tan desexada, me negara”. Probablemente o mundo do fútbol perdeu a un mal futbolista, pero as letras gañaron, para sempre, a un irrepetible obreiro da palabra. 

Comentarios