Opinión

As leis da estupidez humana

Hoxe tería que estar a escribir de que o Celta volveu gañar, de que xa suma 29 puntos...

Hoxe tería que estar a escribir de que o Celta volveu gañar, de que xa suma 29 puntos e só lle quedan 10 para pechar a permanencia, de que leva catro xornadas consecutivas sen perder e de que dos 12 últimos puntos xogados conseguiu 10. En definitiva, tería que estar a escribir sobre o bo momento de xogo e de ánimo que vive o Celta e o celtismo. Pero non, despois do ocorrido o sábado en Villareal, hoxe vou escribir (e recrearme) sobre a estupidez humana.

E non pensen vostedes que isto da estupidez é unha cousa banal. Resulta que no ano 1988 o historiador italiano Carlo Maria Cipolla formulou -no seu libro Allegro ma non troppo- o que el chamou “As leis fundamentais da estupidez humana”. Si, e son exactamente cinco. Lean, lean:

Primeira lei: “Sempre, e inevitablemente, cada un de nós subestima o número de individuos estúpidos que hai no mundo”. Unha grande verdade.

Segunda lei: “A probabilidade de que unha persoa determinada sexa estúpida é independente de calquera outra característica dela mesma”. Un pode ser estúpido e educado ao mesmo tempo, por exemplo.

Tercera lei: “Unha persoa é estúpida se lle causa un dano a outra persoa ou a un grupo sen obter, ao mesmo tempo, beneficio para si, ou mesmo obtendo un prexuízo”. E esta é, segundo Cipolla, a “Lei de ouro da estupidez humana”. É a estupidez máxima diría eu.

O único que teño que dicir do 'fantasma' do Madrigal é que claramente pertence ao grupo dos 'estúpidos', “os individuos que prexudican os demais e a sí mesmos”

Cuarta lei: “As persoas non estúpidas infravaloran sempre o potencial nocivo das persoas estúpidas; esquecen constantemente que en calquera momento e lugar, e en calquera circunstancia, tratar ou asociarse con individuos estúpidos constitúe infaliblemente un custoso erro”. A quen non lle pasou algo semellante algunha vez?

Quinta lei: “A persoa estúpida é o tipo de persoa máis perigoso que existe”. Amén. Como corolario desta lei, Cipolla afirma ademais que “o estúpido é máis perigoso que o malvado”. Canta verdade nunha frase...

Pois si, como se pode ver, descubrir a Carlo María Cipolla supuxo unha grande ledicia para min porque tendo estas marabillosas leis, quen son eu para adxetivar a/ao individua/o que decide nun alarde de xenerosidade supina tirar a un terreo de xogo un bote de gas lacrimóxeno? Eu, sempre seguindo a clasificación de individuos que fai o propio Cipolla, o único que teño que dicir do 'fantasma' do Madrigal é que claramente pertence ao grupo dos 'estúpidos', “os individuos que prexudican os demais e a sí mesmos”. E, ademais de estúpido, eu engadiría a denominación de egoísta, covarde, e impresentable. Pouco lle quere ao fútbol e á carteira, porque pagar unha entrada para semellante entretemento... Iso si, debeulle quedar a cabeza ben descansada. 

Comentarios