Opinión

Jonny afunde e o Celta sobrevive

O cartón vermello do sábado foi o final anticipado dun ciclo perverso


O cartón vermello do sábado foi o final anticipado dun ciclo perverso e de infortunio no que Jonny é o protagonista indesexado e no que, como todos os ciclos, o mellor está, seguro, por vir. Cando un afunde, o próximo paso sempre será o seguinte para chegar á superficie de novo. E Jonny o sábado fronte ao Betis afundiu e firmou, á vez, o inicio da súa volta ao seu mellor nivel.

Ver a Jonny sufrir, fallar cousas infallables nel e velo no campo sen rumbo é doloroso, porque o equipo sofre e porque coñecemos a súa impecable 'folla de servizos'. Posiblemente sexa el o que máis está a sufrir o baixón de xogo e físico do equipo. A súa capacidade de adaptación a todas as posicións da defensa sitúano como o primeiro candidato a non rotar. E ademais, o seu bo rendemento en todas as posicións faino o candidato perfecto a xogar partido tras partido sen descanso. Incluso na copa foi un dos candidatos a comezar o partido, de novo, desta volta como central. Posición na que xoga normalmente coa selección española sub 21 pero na que no Celta rara vez o temos visto. E de novo amosou unha boa actuación. E de novo deulle a Berizzo argumentos para querer contar con el sempre. E esta liga é moi longa.

Quedan moitos partidos por diante e Jonny será seguro un dos protagonistas dos bos momentos do equipo

Quedan moitos partidos por diante e Jonny será seguro un dos protagonistas dos bos momentos do equipo. Os fallos contra o Valencia e o Sporting son en parte reflexos da frustración dun xogador que só sabe correr e loitar e que cando se ve superado polas circunstancias perde o 'amarre' coa realidade, coa mala sorte de que o resto do equipo tampouco está a pasar polo seu mellor momento. O cartón vermello é o mellor reflexo de esa ansiedade. Ese agarrón semellaba máis un grito desesperado de “non pasarás” e puxo o Celta a traballar arreo desde o minuto 48 do partido. O empate foi o mellor dos resultados e o máis xusto. Nin un reproche á atitude do equipo, traballando todos xuntos para sacar algo positivo dun partido que se puxera moi costa arriba cun Betis totalmente envorcado na nosa área. Chapeau aos xogadores pola loita dese punto que nos mantén unha semana máis nese deseado cuarto posto da clasificación. E chapeau a Jonny, sempre, porque é fundamental neste equipo co seu traballo incansable e ocupando un segundo plano chave.

O Celta e os celtistas sabemos que o do sábado foi o principio da súa volta á superficie, onde a luz volverá a brillar no seu camiño.

Comentarios