Opinión

A inercia positiva do Celta

O empate que o Celta colleitou en Xixón é o punto e aparte a unha semana de épica, de emocións, de soños e de maxia. Unha semana de sufrimento que rematou do mellor xeito posible nun partido no que o Celta foi o suficientemente efectivo para colleitar, ao final, un bo resultado.

Ninguén semella disgustado cun punto que nos mantén na loita polas posicións europeas e evita voltar á casa cunha derrota desmoralizante. O partido do Shakhtar deixou sufrimento e ledicia a partes iguais, pero a éxtase deses minutos finais deixou a afección e o equipo sumidos nunha 'nube' da que semellaba difícil baixar para concentrarse nun partido tan só tres días despois. A Europa League estase a converter nunha especie de montaña rusa para o equipo. Non consegue o Celta pechar as eliminatorias, como tampouco o fixo na fase de grupos, e este gusto pola 'foto finish' evítalle ao equipo horas de concentración neses outros partidos. O equipo 'B' funciona, pero aínda precisa de minutos para ser un grupo ben cohesionado e o suficientemente superior para non dubidar do seu xogo.

O partido do Shakhtar deixou sufrimento e ledicia a partes iguais, pero a éxtase deses minutos finais deixou a afección e o equipo sumidos nunha 'nube' da que semellaba difícil baixar

Ao final, o feito de que nesta semana de tolos o partido do Sporting quedara nun segundo plano viuse na primeira metade co constante acoso asturiano á portería do Celta que facía pensar noutro final. Só se viu no partido a un equipo buscando a vitoria e ese non era o Celta. A meirande razón pola que o Celta foi quen de manterse no partido foi o grande traballo de Rubén, que recuperou tras a lesión a súa mellor versión. Bendito problema o de Berizzo que ten neste momento dous porteiros 'top'! Coa gran imaxen de Rubén e o fantástico partido de Sergio na Europa League semella moi difícil pensar nun porteiro titular e outro suplente. O traballo de Rubén foi vital na primeira metade cun Celta bastante gris e cunha idea bastante pausada no partido, até que Aspas entrou en escena e deulle ao equipo todas as excusas necesarias para non conformarse cunha derrota e sacar do Molinon un punto necesario e pouco merecido.

Bendito problema o de Berizzo que ten neste momento dous porteiros 'top'! 

Punto que serve ademais para recibir o mércores ao Espanyol nun partido que se presenta moi imprtante para os intereses celestes de cara a Europa. Unha vitoria fronte ao rival directo e antes de visitar o Camp Nou sería un bo motivo para manter ao equipo no bo momento que esta a vivir. Despois virá o Krasnodar ruso, o próximo rival na Europa League que, por descoñecido, é unha caixa de sorpresas desas que debemos controlar o antes posible. Quedan por diante semanas de ilusión ben cargadiñas de fútbol nas que tocará desfrutar e sufrir pero na que de seguro o Celta non nos deixará indiferentes. 

Comentarios