Opinión

A historia do Celta comeza hoxe

Agora sí. O Celta é oficialmente un equipo capaz de mirar cara a súa historia e superala, 23 anos despois fomos quen de dar un paso adiante. Deixamos atrás, por fin, o non poder, o medo escénico e a falta de nervio final para superar momentos críticos. Atrás queda esa recente semifinal maldita contra o Alavés, aquela final contra o Zaragoza no 2001 e ese partido fatídico contra o Granada. E, sobre todo, atrás queda esa final contra o Zaragoza o 20 de abril de 1994. Onte, 23 anos despois, o Celta deulle unha patada á historia e puxo, por fin, no calendario das efemérides un final feliz a ese gol desolador de Alejo.

O partido foi do peoriño para calquera corazón celeste. Nin un momento de respiro. Ese bendito gol de Sisto, case sen esperalo, un golazo, que nos encheu de ledicia e de excitación. En catro minutos imaxinamos todas os posibles rivais e até fantaseamos con esa final en Solna. En catro minutos fomos quen de cambiar a historia do Celta pero a realidade dixo basta. No único erro do equipo espertamos todos de supeto do soño. E voltou o sufrimento, a angustia, o non saber que facer e como facer para que os segundos pasaran. Se me preguntan que pasou despois de ese gol de Trossand até o asubiu final, podería dicir que non teño idea.

Pasaban os segundos coma se fosen rochas xigantes no camiño. Miraba a pantalla como se estivese vendo un videoxogo calqueira e non o partido de fútbol que marcará un 'antes' e un 'despois' na nosa historia recente. Miraba pero non via. E así até o último folgo. Esa mesma tensión semellaba estar no campo. O Genk era incapaz de atacar e o Celta non quería oir falar de poñer en perigo ese empate soñador. Entre eles catro dos 'nosos', catro rapaces da casa, de Marín, Catoira, Moaña e Vigo. Catro testemuñas do que o equipo ten sufrido nestes últimos anos. Eles viviron en primeira liña da Madroa o case descenso a Segunda B, os anos escuros en segunda e a terrible xestión económica que puxo ao clube no bordo afiado do precipicio.

Eles son o mellor exemplo do que representa esta xeración de celtismo, xente nova, sen complexos, atrevida, soñadora, que non se intimida cos grandes retos e as grandes oportunidades. Pero nada disto sería posible sen a batuta pausada de Eduardo Berizzo. O 'Toto', coa sua mesura e a súa pausa, estanos a facer crer que todo o que soñemos non é só posible senon que é, ademais, factible. Empeñouse un día en que a única solución para abrir novas etapas e escribir a historia é batendo forte nunha porta que un día caerá porque a forza destes soños e tan grande que non resistirá o empurrón. E nós estaremos aquí para velo e soñalo.

Comentarios