Opinión

O feísmo perfecto do Celta

Se alguén me di hai unhas semanas que o Celta ía acabar a primeira xornada de liga (a falta do partido Granada-Eibar) liderando a táboa e sen facer un partido especialmente vistoso, cómprolle a idea.

Se alguén me di hai unhas semanas que o Celta ía acabar a primeira xornada de liga (a falta do partido Granada-Eibar) liderando a táboa e sen facer un partido especialmente vistoso, cómprolle a idea. O Levante non era a priori o equipo perfecto para lucirse e para facer un fútbol bonito porque é un equipo duro, que se enroca atrás e que non deixa xogar. Pero o Celta recibiu un regalo envenenado nos primeiros minutos do partido, a expulsión de Simão deixaba o Levante con dez homes para afrontar a meirande parte o encontro. E que lle pasou ao Celta? Que lle puido a ansiedade de saberse no campo cun xogador máis e non foi quen de ver ocos nun Levante aínda máis pechado. Con iso e con todo, intentou de todos os xeitos superar a proposta defensiva do Levante, sempre coas bandas como protagonistas das mellores xogadas, pero seguía sen amosar o brillo que lle caracteriza. O mesmo brillo que, por exemplo, lle fixo a tempada pasada afundir nun pozo que semellaba non ter fin. o Celta facía un gran xogo e non era quen de marcar goles, e así durante dez xornadas. O mesmo brillo que amosou no primeiro partido de liga fronte ao Málaga na tempada 2012-2013, recén ascendido a Primera. O equipo recibu mil e unha alabanzas polo seu xogo pero perdeu 0-1 e esa tempada a piques estivo de baixar a segunda división. O brillo é bonito e alégralle a vida ao espectador pero, moitas veces, como fronte ao Levante, non é práctico.

Ese brillo, antes ou despois, chegará porque o Celta, futbolísticamente, está programado para xogar ben ao fútbol

Ese brillo, antes ou despois, chegará porque o Celta, futbolísticamente, está programado para xogar ben ao fútbol. O do Levante foi o partido da pegada, esa que tantas veces botamos de menos. Foi o momento de amosar que se o Celta quer aspirar a algo máis que non sexa só non descender a Segunda terá que facer moitos partidos coma este, gañar sen 'bonitísimos', gañar sufrindo e pelexando até o final sen recrearse no 'jogo bonito'. E tendo en conta que, con dous goles convertémonos no equipo más goleador até o momento, dá unha idea de como foi a xornada na que Atletico e Barça foron quen de gañar seguindo un patrón similar, sufrindo e non gustando especialmente.

Os equipos, todos, necesitan un tempo de adaptación á competición, o Celta tamén. Pero sempre é mellor comezar a adaptación e encarar o segundo partido de liga liderando a clasificación e co bo sabor de boca que dá saberse líder da que din é a mellor liga do mundo.

Comentarios