Opinión

Europa ben, grazas

Non hai cousa mellor para espantar as pantasmas e relaxar a tensión despois dunha derrota nefasta que pasear. abrir a mente e soñar. Europa é iso para o Celta, unha paréntese para cambiar o chip, para vivir outra 'vida' e para confirmar que o banquillo funciona e Berizzo, tamén.

O empate fronte ao Ajax si é un bo empate. É un empate que vale media clasificación para a seguinte rolda. Un empate conseguido fronte ao equipo máis forte do grupo que se presentou en Balaídos co seu once de gala, dispostos a (case) pechar a clasificación. E iso tendo en conta que, coma o Celta, a próxima fin de semana visita a casa do Feyenoord no seu derbi particular. O Celta foi quen de pararlle os pés ao mellor Ajax e por dúas voltas cambiar o marcador. Non foi o Celta máis brillante pero si loitador e traballador até o último suspiro do encontro. O Celta foi fiel a súa folla de ruta da Europa League, tirando do equipo 'B' pero, quizáis desta volta, máis do normal. Só había no terreo de xogo un titular indiscutible, Pablo Hernández. O resto do equipo era un plantel de claras rotacións con vistas ao derbi, no que si, a vitoria non é discutible. Sen embargo, non puxo Berizzo no terreo de xogo un equipo de circunstancias. Non, foi un equipo elexido a conciencia. O arxentino deixou claro no inicio da andaina europea que a prioridade do equipo era a liga, pero que a Europa o equipo sairía a competir dignamente. E. até o de agora o equipo está a cumprir o seu cometido sen case 'peros'. Cuns partidos mellores ca outros, o Celta competiu en todos eles sen dúbida algunha, sen perder o seu estilo e dándolle oportunidades a todos os xogadores do plantel do equipo.

O empate fronte ao Ajax si é un bo empate. É un empate que vale media clasificación para a seguinte rolda

A cara 'B' do Celta funciona, e faino a uns niveis decentes. Berizzo estará de seguro satisfeito co traballo dos seus xogadores. Os seus cambios, de novo, decidiron o partido. Como xa fixeran Aspas e Wass no encontro contra o Panathinaikos, Orellana deulle unha marcha nova ao equipo e puxo sobre o verde ideas e movementos que finalizou el mesmo cun gol para enmarcar. Deses que quedarán para sempre na memoria dos afeccionados celestes.

Comentarios