Opinión

A estratexia do Celta

Estratexia e Celta nunca foron dúas palabras que se levaran moi ben,

Estratexia e Celta nunca foron dúas palabras que se levaran moi ben, supoño que porque no Celta nunca houbo adestradores que tomaran demasiado en serio o feito de ensaiar as xogadas a balón parado ou buscar formas alternativas de sorprender o rival por medio de xogadas ensaiadas. En principio, o Celta nunca foi un equipo ao que lle costara marcar goles, así que as estratexias, máis relacionadas con equipos aos que lle custa xerar ocasións de gol, quedaron nun segundo lugar. Así que o outro día cando Nolito e Fontás marcaron o terceiro gol nunha xogada de estratexia tan parva coma perfecta, non sabía se rir ou chorar.

A xogada case é unha metáfora do que é o Celta hoxe, un equipo e unha entidade na que a improvisación sen sentido quedou a un lado para dar paso ao traballo planificado e ben feito. A xogada vén subliñar con rotulador fluorescente amarelo o que é a día de hoxe Nolito no Celta. É a chave que abre o futuro do Celta. Pero, a pesar do que pode pensar a prensa de Barcelona Nolito é ao Celta o que o Celta é a Nolito. Non nos enganemos. Cando Nolito chegou ao Celta tiña un nome, pero pouco demostrara nos terreos de xogo. Para Luis Enrique, agora marabillado con el, non era titular ao comezo do ano. El sabía da súa valía, o Celta tamén, e entre equipo e xogador creouse un tándem perfecto e da man chegaron, chegan e, estou segura de que chegarán, grandes momentos para o Celta. Igual que a estratexia funciona no campo, ás veces tamén funciona nos despachos. O Celta estivo rápido ampliándolle a cláusula e facéndolle saber a Nolito que é importante para o clube sen paliativos. Despois de anos sen gastar e sempre pendentes dunha débeda coa que o club tiña que cumprir, o Celta deixou atrás episodios nos que permitira a fuga de xogadores importantes por non facer un esforzo económico. O Celta fíxolle saber a tempo o valiosa que é a súa presenza en Vigo. O terceiro gol do sábado foi sen dúbida o último exemplo dun xogador cunha visión do fútbol privilexiada pese ás súas debilidades, que tamén as ten.

A pesar do que pode pensar a prensa de Barcelona Nolito é ao Celta o que o Celta é a Nolito

Ao final esa xogada de estratexia chegou no momento perfecto, a piques de pecharse o mercado de inverno e a boa nova é que, polo de agora, Nolito quedará no Celta. Por canto tempo? Difícil de decir, pero o que é seguro que a día de hoxe, no Celta, a estratexia está a funcionar.  

Comentarios