Opinión

Os erros desesperantes do Celta

Enfadarse de rabia. Laiar de impotencia. Berrar de indignación. Lamentarse do que puido ser e non foi. A historia omnipresente da historia recente do Celta. Tropezar sempre na mesma pedra. Saber que este Celta ten equipo abondo para gañarlle ao Real Madrid pero de novo os erros en defensa son unha sentenza demasiado dura. O Real Madrid é un equipo gañable, fixo, e amosou demasiado pouco para a millonaria diferenza existente entre os planteis. 

 

A bipolaridade do Celta é tan preocupante como real. Nun mesmo partido hai dúas versións dun equipo que no fondo busca o balón e busca xogar ben, pero que perde os papeis e a organización con demasiada facilidade. Os dous primeiros goles do Real Madrid son dous claro fallos, o primeiro de Cabral e o segundo de Roncaglia. A parella de centrais fixo un partido para o revisar unha e mil veces até entender o que non se pode facer nun partido de primeira división. Sobre todo Cabral, que acabou resignado, expulsado e marcando un gol en propia porta sen opción a nada cun balón fatalmente rebotado. A defenda fixo de todo e nada bon, e foi especialmente chave nunha derrota do Celta. Mentres, pola outra banda, xogadores como Okay ou Brais daban un paso adiante na súa loita persoal por gañar un posto fixo no once. 

 

Nun mesmo partido hai dúas versións dun equipo que no fondo busca o balón e busca xogar ben, pero que perde os papeis e a organización con demasiada facilidade

 

A versión atacante do Celta foi a nota positiva, pero os desaxustes en defensa frustraron moito ataques prometedores do equipo. Especialmente a Aspas que apareceu en cada esquina do campo buscando balóns un tanto desesperado. Baixou a axudar no medio do campo, recuperou balóns, pero a maioría das veces non estaba onde debería estar cando o Celta apareceu con certas ideas adiante. A pesar diso, o equipo foi quen de marcar dous goles e xerar decentes oportunidades aínda que demasiado illadas. Os xogadores nunca baixaron os brazos, nunca semellaron derrotados na súa actitude no encontro. O terceiro gol foi un golpe demasiado duro e o cuarto, consecuencia lóxica dun partido roto e sen dono. Aínda así o Celta, con Brais como líder, buscou un último gol que puxese un pouco de luz nun mal resultado. O gol ademais é un xute de confianza para o canteirán que non deixa de crecer e suma xa o seu terceiro partido de liga marcando. Brais suma e segue. Ao menos el pode engadir números positivos á súa conta persoal. 

 

Quince días por diante, quince días para que Mohamed atope unha solución aos problemas do equipo. Quince días para entender por que Néstor Araujo segue aínda 'castigado' no banco. A suspensión de Cabral forzará un cambio necesario na liña defensiva. Confiemos en que sexa de novo o momento de Araujo e, porén, un cambio de rumbo no Celta.

Comentarios