Opinión

Épica escríbese con 'h'

Con 'h' de historia. A que o Celta ten diante de si, con humildade e sen prexuízos. A historia que está por vir e que sempre pode mellorar un pasado do que nos sentimos orgullosos pero ao que aínda lle quedan moitos momentos inolvidables por chegar. A historia da afouteza, esa que non nos cansamos de repetir porque é o selo do espírito celta. A afouteza que é parte de nós, da nosa terra tinguida polo verde da esperanza, dos nosos soños e do noso caracter nacido nos cueiros de Breogán.

O de onte foi o esperado. O Celta xogou ao que quixo o Manchester (e Mourinho). Un partido físico, rápido e moi pechado, perfecto para os ingleses e moi difícil para nós que buscamos desesperados abrir ocos na arañeira que era a defensa do United. Cun Aspas superado pola presión asfixiante dos 'red devils' que non o deixaron respirar en todo o encontro e Radoja perdido nas zancadas de Pogbá. Sergio foi o heroe do equipo na primeira metade do partido, as súas paradas deixaron o equipo vivo até esa fatídica falta. Esa mínima dúbida que lle impediu a Sergio chegar ao balón foi o fin, deixou Balaídos frío e aos xogadores bogando nun mar turbulento. Pero nunca se rendiron, buscaron solucións que non chegaron mentres o Manchester seguía confortablemente asentado nunha defense rochosa e sen intención de buscar un segundo gol, ao máis estilo Mourinho. Fútbol cutre e sen intención.

O xoves que vén ás 21:05 da noite a historia do Celta xuntarase coa afouteza e entre todos escribiremos a palabra 'épica' nese teatro dos soños que din que é Old Trafford. E será nese intre no que creremos que nin a forza nin a velocidade poden superar as gañas e a ilusión dun grupo de xogadores que, si, está chamado e escribir a historia do Celta no máis alto. O Celta non sabe o que é perder unha eliminatoria de Europa League contra un equipo inglés. Nin sabe, nin quere saber. En Anfield e no Villa Park (remontando un 0-1 inicial) aínda se lembran do pase da 'máquina' celeste e, Manchester, non vai quedar atrás. A invasión celeste xa está lista para desembarcar e tinguir de celestes as rúas da cidade que veu 'crecer' a lendas do fútbol británico como o irlandés George Best, o galés Ryan Giggs ou o inglés David Beckham.

Este non é o final da historia. E un punto e coma. Este Celta e esta afección non se rendirán. Seguirán soñando e amosándolle ao mundo, agora si, o que é a afouteza. Esa "disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades" levaranos a Manchester sen medo a nada. O único fracaso e o medo a loitar. E a loita está asegurada, até o último alento.

Comentarios