Opinión

‘Efectos’ celestes

Non sei se foi o ‘efecto Andalucía, onde o Celta leva conseguidos 12 dos 25 puntos cos que conta na taboa clasificatoria.

Non sei se foi o ‘efecto Andalucía, onde o Celta leva conseguidos 12 dos 25 puntos cos que conta na taboa clasificatoria. Tampouco sei se foi o ‘efecto balón morto’, ese balón que normalmente caería para o outro lado e que, desta volta caeu nos pés dun xogador celtiña. Ou se foi o ’efecto Arxentina connection’, xa que os dous goles do Celta foron obra dos dous ‘boludos’ celestes, Cabral e Augusto. O que si sei ben seguro é que o venres, a iso das 22.43h, cando xa estabamos de retirada, recollendo o chiringuito e dando por bo o empate, vai o Celta e fainos saltar do asento cunha sensación de ledicia que xa había tempo que non viviamos.

Porque normalmente somos expertos nos goles de última hora, pero para recibilos. O exemplo máis recente foi o partido contra o Espanyol en Cornellá onde o Celta deixou marchar o empate no minuto 88 do encontro. Tamén se aproveitaron da nosa ‘relaxación’ defensiva dos últimos minutos o Real Madrid no Bernabeu con goles no minuto 82 e 92, ou o Valladolid en Pucela cun gol no minuto 86. Na casa, o Levante, como o Espanyol, levou os tres puntos cun gol no minuto 88 e, finalmente,  o Betis, que a pesar de ir perdendo 0-2, marcou o gol da honra no minuto 89.

Porque normalmente somos expertos nos goles de última hora, pero para recibilos.

Por todo iso, o gol e a victoria do encontro fronte ao Granada teñen un sabor doce especial. Vendo como se desenvolveu o partido, o Celta amosou unha mellora clara na súa concentración defensiva que axudou a que o equipo non dera un balón por perdido até o último intre do encontro. Probablemte, como dixo Luis Enrique, o xusto tería sido o empate, pero nisto do fútbol crer nas inxustizas non é nada bo, tanto para ben como para mal. O que marca máis goles gaña, por moita inxustiza que haxa polo medio. O venres o Celta gañou grazas a moitos ‘efectos’ pero o único que realmente axudou a traer para Vigo os tres puntos e sumar dúas vitorias consecutivas por primeira vez no campionato foi o tan necesario ‘efecto confianza’. Con el, nin inxustizas nin gaitas.

Comentarios