Opinión

A ecuación imposible do Celta

Se o fútbol fosen matemáticas dous máis dous sumarían catro e hoxe estariamos falando de que o Celta goleou o Eibar

Se o fútbol fosen matemáticas dous máis dous sumarían catro e hoxe estariamos falando de que o Celta goleou o Eibar. Pero entón o fútbol sería tamén un deporte terriblemente aburrido e previsible. Os números son no fútbol unha pura estadística que estima que equipo foi mellor no terreo de xogo, tivo máis posesión e puxo máis para gañar. Só iso. Como dixo Luis Enrique nunha rolda de prensa o ano pasado, os partidos gáñannos os equipos que máis balóns meten dentro da portería contraria. Así de sinxelo e así de complicado. De todas as xogadas que se fixeron no partido, ao Celta pertenceulle o 75% delas. Practicamente de todos os tiros que se fixeron a porteria, o Eibar debeu facer 9 fronte a case 30 do Celta. A segunda metade foi basicamente un xogar contra un muro ben armado, o Celta tirando a porta e os xogadores do cadro armero devolvendo balóns. Así, unha e outra vez, como se de un bucle se tratara.

 Ao Celta sempre se lle atragantan os equipos cun plantexamento defensivo

Pero os números aquí non son só unha anécdota, explican moitas cousas, entre elas que ao Celta sempre se lle atragantan os equipos cun plantexamento defensivo. Pasou hai unhas semanas fronte ao Granada e volveu pasar contra o Eibar. Un erro e o partido c'est fini. O mellor do encontro foi a insistencia, a búsqueda do gol e que o equipo non se rendiu. O peor foi que ao final o Celta era un equipo de fácil lectura para o rival. Sen ideas que buscaran novas posibilidades de xogo fronte á un equipo que non cedía un oco. Coa entrada de Planas entendo que Berizzo quixo darlle ao Celta frescura buscando centros que sobrepasaran o cadro de Eibar pero sen moita sorte e sen suficientes minutos. Krohn Delhi volveu mandar un balon ao pao. E fin da historia. Tres puntos que marchan. A afección que queda con cara de parva e os xogadores que aínda deben de estar intentando atopar a razón pola cal tendo todos os datos correctos, a 'x' foi imposible de despexar. Ecuacións imposibles que explican porque "fútbol es fútbol" e "gol es gol".

Comentarios