Opinión

O derbi que non foi

Balaídos non está feito para facer mosaicos. Mentres os Queixumes dos pinos zoaban fortes dende as gorxas de máis de vinte e un mil almas celestes e deportivistas, as pezas do quebracabezas movíanse nas mans dos afeccionados sen xeito nen sentido. Se eu fose o encargado de tomar a decisión de facer un mosaico, desistiría. En Vigo, nin sabemos nin parece que queiramos saber. A adrenalina e a impaciencia que xera un derbi están por enriba de calquera intento 'artistico' esperable nas gradas. E polo visto 90 minutos despois, o (non) intento 'artistico' da afección estivo á altura do partido, eslamiado e máis ben gris.

O empate foi no fondo o resultado perfecto para un xogo pouco vistoso por parte dos dous equipos e no que o Celta puxo as ideas e o Dépor, a forza. Pero a pesar de tocar, tocar e tocar ao Celta atragantóuselle o balón e non foi quen de crear un xogo especialmente perigoso e vistoso. Na segunda metade xogando contra dez foi incapaz de sobrepasar á ben plantada defensa coruñesa e a partir de aí o equipo tivo demasiada paciencia e demasiada pouca creatividade nos últimos metros do campo.

O (non) intento 'artistico' da afección estivo á altura do partido, eslamiado e máis ben gris

Nin sequera os xogadores tiveron no campo esa enerxía e sangue esperable nun derbi. A treboada que fixo presenza no partido nos últimos minutos da primeira metade a comezos da segunda só fixo darlle argumentos aos xogadores para pintar aínda máis de gris o encontro. Chuvia e vento só axudaron a facer do céspede un tapiz demasiado pesado para conseguir crear arte nel. E o Celta, sen un tapiz axeitado e sen os artistas ao 100%, semellaba máis un 'quero e non podo' que un 'podo e non quero'. O Deportivo, xogando con dez, directamente abandonou a aventura de mirar cara adiante e paseaban contentos cun empate na casa do rival que é suficiente para seguir a liña positiva e non entrar de novo en dúbidas e zonas perigosas.

O tempo non axudou, certo, pero ao final do encontro víase na afección a decepción por unha oportunidade perdida e, sobre todo, a indiferenza por un derbi gris. Moitos nin esperaron ao final, sabedores de que, aínda que o Celta seguira atacando en bucle toda a noita, dificilmente conseguiría marcar. En definitiva, derbi sen moita historia, un que ataca, un que defende e a xente que marcha aburrida para a casa sen a excitación esperable e desexable en #onosoderbi, o de todos os galeg@s.

Comentarios