Opinión

 Un derbi na diáspora

O primeiro que fai un galego do Celta ou do Dépor cando chega a Londres é buscar un bar para ver o derbi. E o que diga o contrario minte.

Cando os galegos marchamos do país buscámonos irremediablemente. Precisamos xente que entenda esas cousas que só os galegos podemos entender coma a devoción polo licor café, a Estrella Galicia, os pementos de Padrón, o tempo de Londres e #onosoderbi. Si, aos galegos o tempo de Londres gústanos (menos no verán, iso si). E nesa búsqueda de o 'noso' foi como os celtistas londinense atopámonos un día nesta mega cidade que é Londres. Necesitábamos compartir as alegrías do equipo e ter apoio nas penas. Necesitabamos comentar o día despois, as xogadas da moviola, criticar o árbitro sen a sensación de que algún inglés nos mirara raro... e desfrutar do derbi coa nosa xente.

Celta_DeporOnte xuntámonos arredor de trinta almas celestes que vivimos o celtismo na distancia coa mesma ilusión e afección coma cando berrábamos nas bancadas de Balaídos. A morriña existe, claro, pero lévase mellor cando te xuntas a celebrar os goles de Mallo ou de Aspas coa túa xente e non o tes que ver soa na barra dun pub rodeada de ingleses con máis alcohol que sangue nas veas. O noso recuncho celeste en Londres chámase Sheephaven Bay, é o típico pub inglés adicado ao fútbol e no que o seu dono, Pat, abriunos amablemente unha fiestra á o noso querido Balaídos. Pat é xa un celtista máis, que se interesa polos próximos partidos, por como vai o equipo na clasificación e que celebra con nós os goles de Orellana e compañía.

Goles que nos devolveron a ilusión perdida o pasado fin de semana en Vilarreal e goles que serviron para devolver ao Celta aos postos altos da clasificación. O partido non foi gran cousa até o segundo gol do Celta, a partir de aí o encontro abriuse e animouse cun Celta envorcado no ataque e un Dépor con máis corazón ca ideas que acabou pagando caro as gañas do Celta de vitoria.

Un derbi que xa quedou atrás pero aos celtistas quédannos uns meses por diante para saborear ben esta vitoria merecida e cimentada na búsqueda do balón e o ataque constante, o noso fútbol innegociable.

Os celtistas de Londres seguiremos xuntándonos para darlle pulo ao noso equipo sen esquecer que cando encedemos a televisión, unha parte do nós estará sempre co equipo en Balaídos, en Las Palmas, en Pekín e onde de nós precise.

Comentarios