Opinión

Deprimidos

O Celta vive nun estado de depresión preocupante e inesperado. O parón de liga e o ano novo deixaron, ademais das resacas propias dos polvoróns, unha perigosa imaxe do equipo que se separa moito do camiño tomado coa chegada de Cardoso.

A imaxe no Camp Nou coa que o equipo fechou o ano non foi a mellor, pero tampouco desastrosa. Partido previo ao Nadal, contra o Barça e en Barcelona e as conclusións pasan case desapercibidas entre desexos de boas festas e demais. Incluso a lesión de Aspas semellaba menos lesión e menos importante. Pero a realidade, que sempre se empeña en aparecer dando grandes titulares, deixou na resaca do día de reis a peor e a máis inesperada das novas, un Celta apático volvía ás andadas. Voltaba un equipo sen identidade, que recordaba demasiado ao de Mohamed e demasiado pouco a todo aquilo que proclamara Cardoso na súa presentación. O Athletic fixo de Balaídos a súa estrea perfecta no 2019. O adestrador luso deixou patente o seu anoxo na rolda de prensa posterior ao encontro. Non puxo excusas. Nin unha. E non se preocupou de porlle nomes aos xogadores que estaban de paseo no campo. As sensacións foros nefastas. E continuaron durante toda a semana.

En só tres días o Celta preparou un novo encontro aderezado co gafe vitalicio de Vallecas, así que a derrota foi, no fondo, a consecuencia lóxica duns días para esquecer e reflexionar. De novo, o peor non foi o resultado. Incluso e empate ao final da primeira metade semellaba un espellismo vista a capacidade ofensiva do Rayo e a incompetencia dos de Cardoso, que semellaban deambular por un céspede máis queimado que a propia afección celeste. O luso, nun exercicio de despiste, aplaudiu a melloría do equipo na segunda metade. Esta claro que o equipo precisa de folgos pero ver tal melloría roza, case case, o optimismo extremo.

O Celta está lonxe do que se lle intuíu no partido contra o Villarreal. Xoga a pouco, fáltanlle ideas para finalizar xogadas, non responde a estímulos e a defensa está completamente desfasada. Pasada de volta se queredes. Nin o propio Cardoso pensaba que botaría de menos a Costas. Nin a maior parte da afección. Araújo é do pouco resaltable atrás pero aínda así el só non pode. Mallo quedou varado no 2018 e Juncá aínda está a buscar Advíncula por Vallecas. Non me valen as excusas de que o céspede estaba máis ou menos xeado. As bandas do Celta eran autopistas para os rayistas, que esvararon todo o que quixeron nelas pero marcaron catro goles. E nós, dous case sen querer.

O liderado de Aspas no Celta é indiscutible pero o equipo ten que ser quen de ofrecer máis alternativas, non pode pasar todo o peso do equipo por el. Sen el non hai apenas quen discuta as decisións arbitrais. Non hai no campo a capacidade de dar un paso adiante. E sen iso, queda pouca marxe para a mellora. Non é un problema de xogar mellor ou peor, é un problema de orde, de ideas e de entender, de novo, a que queremos xogar. Cardoso ten traballo por diante porque a sombra de Segunda pode ser moi alongada.

  

Comentarios